Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

CCOO pon o foco na formación para acadar a economía circular en Galicia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE SETEMBRO DE 2021 · (0)



Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO considera que “non podemos circunscribir a economía circular exclusivamente ao ámbito económico e do beneficio puro e duro”, porque é algo que afecta a todos. O sindicato coida “imprescindible” investir na capacitación profesional para que a comunidade sexa competitiva.


Así o sentenciou Amelia Pérez na clausura da xornada monográfica que Comisións organizou hoxe en Santiago de Compostela, na que participaron especialistas de diferentes ámbitos. “O gran reto que formula a economía circular é converter o coñecemento, e non a explotación de recursos limitados, na materia prima básica de todo o sistema produtivo”, abundou.

Segundo a análise da secretaria xeral de CCOO, esta modernización, paralela aos procesos de transición dixital e ecolóxica, levará consigo un proceso de destrución de emprego en moitas empresas, polo que a formación será un elemento “indispensable para unha transición xusta, social e sostible que non deixe a ninguén atrás”.

Pola súa banda, o secretario de Cambio de Modelo Produtivo de Sostibilidade de CCOO de Galicia, Francisco Méndez, salientou a importancia deste tipo de xornadas porque “o noso país debe anticiparse aos procesos de cambio e facelo en situación competitiva”. “A situación económica actual, marcada pola escaseza de recursos naturais, a dificultade para xestionar o crecente volume de residuos, o encarecemento das materias primas e o desorbitado prezo da luz demostran que a economía circular é de imperiosa necesidade”, engadiu. Na súa opinión, “se as sociedades economicamente desenvolvidas queren soster a súa existencia tal e como a coñecemos, cómpre un cambio social e de mentalidade”, principalmente enfocado a que se produce e como se produce.

Abordaxe multidisciplinar

Deu a benvida á xornada o secretario xeral de CCOO-Industria de Galicia, Víctor Ledo, ao que seguiu a secretaria xeral estatal de CCOO-Industria, Garbiñe Espejo,quen fixo unha introdución sobre os retos sindicais, industriais e ambientais para os próximos anos. A continuación, o secretario de Cambio de Modelo Produtivo e Sostibilidade de CCOO de Galicia foi o encargado de moderar unha mesa redonda con especialistas do mundo empresarial, universidade e Xunta para tratar cuestións como o aproveitamento de xurros e residuos gandeiros, o desenvolvemento rural, novas alternativas no ámbito da reciclaxe ou o hidróxeno verde.

Posteriormente, o xerente de Istas-CCOO, Vicente López, presentou un estudo sobre a xeración de emprego verde, seguido dunha disertación do secretario confederal de Medio Ambiente de CCOO, Mariano Sanz, sobre a transición ecolóxica nas empresas.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)