Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A enxeñeira e doutora en informática Ana Freire, Premio Ada Byron do Cpeig



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE SETEMBRO DE 2021 · (0)



Freire, que naceu en Rábade en 1983, lidera o proxecto STOP que estuda nas redes sociais tendencias suicidas e trastornos da conduta alimentaria. A Directora da Área de Tecnoloxía da UPF Barcelona School of Management será homenaxeada na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia”, o 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino.


“A muller continúa infrarrepresentada no ámbito tecnolóxico, e é un problema grave porque a tecnoloxía necesita deseñarse en ámbitos diversos e corre o risco de ser desenvolta con enfoques parciais. E o tecido empresarial tecnolóxico está a xerar moito emprego, e a muller non pode quedar fóra desta gran oportunidade”.  Ana Freire estudou enxeñaría informática na UDC, onde obtivo doutoramento cum laude. 

Despois investigou en centros como Yahoo Labs ou a Universidade de Glasgow. E dende 2017 lidera o proxecto STOP (Suicide  prevenTion in social  Platforms), que analiza o texto das publicacións, as imaxes, as conexións sociais e a actividade nas redes para detectar os mesmos sinais que se buscan nas consultas presenciais de psicoloxía, como a procura de apoio social, o insomnio ou o acoso escolar. Realízase anonimamente, extraendo patróns de comportamento comúns a alteracións como as tendencias suicidas, a depresión... Con esta información lánzanse campañas dirixidas a usuarios enviando teléfonos de axuda, como é o caso do servizo do Teléfono da Esperanza.  “É apaixonante ver como a tecnoloxía, ben aplicada, pode axudar ao benestar das persoas. Necesítase moita divulgación científica sobre a tecnoloxía deseñada para o ben social, móstrase a súa cara menos amigable”.

A doutora creou o proxecto en 2017, “sen apenas financiamento nin persoal investigador. Impulsar un proxecto así non foi fácil pero hoxe intégrano sete institucións a nivel internacional, que incrementaron nun 60 % as chamadas provenientes de redes sociais ao Teléfono da Esperanza”. 

Un traballo máis que notable

Autora de máis de 40 publicacións científicas e varias patentes acumula numerosos recoñecementos e foi incluída por Business Insider na lista dos 23 mozos españois chamados a liderar a revolución tecnolóxica. Recibiu, entre outros, o premio ao Novo Talento Científico Feminino da Fundación Real Academia das Ciencias e Mastercard. Ademais, é unha gran divulgadora liderando iniciativas como o concurso internacional Wisibilízalas, onde nas súas cinco edicións participaron máis de 3.000 mozas de España e Iberoamérica que crearon máis de 1200 páxinas web de mulleres profesionais en ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas.  

Entre as claves para unha maior presenza da muller no ámbito científico-técnico, destaca que “cómpre mellorar a forma coa que informamos ás mozas, mostrarlles o abano de novas aplicacións que ciencia e tecnoloxía teñen na nosa sociedade, en campos tan diversos como a medicina, a economía, a sustentabilidade… Cando a  Universitat  Pompeu  Fabra lanzou o Grao en Enxeñería Matemática en Ciencia de Datos, fixemos unha gran campaña na que visitamos centros de secundaria. Conseguiuse un balance de xénero nesta carreira que aínda se mantén”.

A gala máis importante da informática en Galicia será presencial e virtual e reunirá en Santiago ás empresas máis destacadas do sector TIC. Os premios da Noite corresponden a dez categorías para recoñecer iniciativas e persoas. E o Ada Byron homenaxea ás mulleres enxeñeiras rendendo memoria á que da nome ao premio, a escritora e matemática autora do primeiro algoritmo.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)