Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Preocupación pola suba de prezos nos produtos pesqueiros



REDACCIÓN · PUBLICADO O 30 DE SETEMBRO DE 2021 · (0)



A Federación Nacional de Asociacións de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos Conxelados (Fedepesca) percibe que hai incrementos nos custos de entre o 30% e o 50% cando se abastecen de determinadas especies da pesca, o que atribúen aos aumentos na factura eléctrica, nos carburantes, nos custos salariais e ás cada vez maiores esixencias administrativas.


Os membros desta organización destacan a incidencia de ata un 50% de incremento na factura da luz nestes negocios, nos que é fundamental a existencia de cámaras e outros equipamentos profesionais, e o aumento do prezo dos carburantes de ata o 25%. Ademais, suma o incremento dos custos salariais derivados da suba prevista do salario mínimo interprofesional, que se producirá a finais deste ano, e a actualización dos convenios propios.

Tampouco esquece o custo cada vez maior derivado de incluír as medidas de protección necesarias para evitar a propagación da pandemia, así como das cada vez maiores cargas administrativas que afogan ás pequenas empresas. Así as cousas, dende Fedepesca alertan de que se terá que producir unha suba de prezos ao consumidor final, que din que sempre tratan de amortecer a costa da súa marxe, pero que será necesaria para non comprometer a viabilidade destas pequenas empresas. Tamén advirten de que as vendas de produtos pesqueiros dende o mes de xuño descenderon considerablemente, caendo o consumo en fogares, debido ás gañas dos españois de viaxar e de consumir alimentos fóra de casa despois de tantos meses de restricións severas á mobilidade.

Analizando os datos do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación para xuño de 2021, Fedepesca observa unha caída do consumo en fogares para os productos pesqueiros respecto ao mesmo mes do ano anterior do 13,75%. En xullo, segundo a mesma fonte, o consumo por parte dos fogares volve caer un 9,7%, unha tendencia que a organización percibe clara dende abril.

Neste sentido, a federación conclúe que o repunte do consumo fóra do fogar, que foi aumentando conforme se foron flexibilizando as restricións na canle horeca, foi provocando a redución do consumo no fogar, polo que haberá que esperar ao regreso dunha auténtica normalidade para saber se os cambios na forma de abastecerse e consumir produtos pesqueiros chegaron para quedar ou se se consolida a baixada de consumo de produtos pesqueiros en fogares.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)