Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

GaliciaTIC celebrará a XIX edición entre o mércores e o xoves



REDACCIÓN · PUBLICADO O 04 DE OUTUBRO DE 2021 · (0)



O foro organizado pola Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO) faise en formato mixto: Cidade da Cultura e on-line. Intervirán representantes da Xunta, dos concellos de Santiago, Vigo e Xetafe, das Universidades de Santiago e Vigo, e empresas como Oracle, Deloitte, Optar, Edisa, R, Imatia, Everis, Cinfo ou Orange. 


O obxectivo: debater sobre a dixitalización acelerada pola pandemia con mutacións na estrutura económica, no traballo e na relación cos clientes. Empresas e profesionais reuniranse neste foro para coñecer novidades tecnolóxicas para mellorar tanto a súa organización como a competitividade.

Haberá relatorios maxistrais, mesas de debate, presentacións e showrooms. O programa comeza o mércores ás 09.30 coa mesa inaugural sobre os desafíos que se presentan ao sector TIC, especialmente nun momento que empuxou a empresas, organizacións e traballadores a abordar unha dixitalización acelerada. Contará con Mar Pereira, directora da  Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ( Amtega); Fernando  Guldrís, director do Instituto  Galego de Promoción Económica (Igape); Carlos Suárez, director xeral de  Edisa; Fernando Vázquez Núñez,  CEO de Imatia, e Luís A. Álvarez-Sestelo, presidente da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO).

A xornada continuará ás 10.00 da man de Senén Varro, do Centro Singular de Investigación en  Tecnoloxías  Intelixentes (Citius), que ofrecerá un relatorio sobre o futuro inmediato da intelixencia artificial. A partir de aí, o programa incluirá tanto o mércores como o xoves mesas sobre asuntos como impacto das novas tecnoloxías no coidado dos nosos maiores, a  ciberseguridade, a extensión do 5 G en Galicia,  as tecnoloxías  Cloud Native e realidade aumentada ou as sinerxias tecnolóxicas e colaborativas, tanto na esfera público-privada como entre empresas.

“Webinars”

Poderanse seguir por streaming. Por exemplo, Abel Fernández Ardura, de Leyton, centrará o seu nas axudas públicas para financiar proxectos de dixitalización; Juan Carlos Núñez Suárez, de Imatia, ofrecerá un sobre as claves da minería de procesos; e Alejandro Alonso Rodríguez, de  Everis, impartirá o seu sobre  ciberseguridad na industria 4.0.

A última sesión antes do peche de conclusións dedicarase a diferentes casos de éxito empresariais na transformación dixital e á presentación da Oficina Acelera peme, que xestionará INEO ata maio de 2023 tras ser seleccionada por Red.es para asesorar e impulsar a dixitalización de empresas do sur de Galicia a través dunha Oficina virtual e mediante as dúas sedes físicas que se abriron en Vigo e Ourense. As Oficinas Acelera peme postas en marcha en toda España por Red.es, contan cun orzamento de 8 millóns de euros, dos cales Red.es achega 6,3 e as entidades beneficiarias o resto. 

 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)