Publicidade

Galicia calidade produto


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Feijóo, Touriño e González Laxe defenden o éxito do estado autonómico galego durante os 40 anos da súa vixencia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 19 DE OUTUBRO DE 2021 · (0)



O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e os expresidentes, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, participaron hoxe en Santiago nunha mesa redonda sobre o Estado autonómico e a evolución política e social de Galicia no marco das xornadas conmemarativas sobre o 40 aniversario do Estatuto galego, organizadas pola Escola Galega de Administración Pública (EGAP). 


Feijóo e os expresidentes González Laxe e Pérez Touriño resaltaron hoxe en Santiago o éxito do Estado Autonómico desde a aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia en 1981 e a gran evolución que experimentou a comunidade nestes 40 anos en todos os eidos, aínda que apostaron por aumentar o teito competencial para seguir garantindo o seu futuro.

Os tres mandatarios galegos sinalaron o reto demográfico e a mellora da produtividade e o cambio do modelo produtivo galego como os principais retos aos que se enfronta Galicia de cara aos próximos 20 anos. Fixérono nunha mesa redonda celebrada no Hostal dos Reis Católicos de Santiago sobre o Estado autonómico e a evolución política e social de Galicia, e que estivo moderada pola directora da Escola Galega de Administración Pública de Galicia (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos. Na mesa redonda, organizada pola EGAP, debatéronse diversos temas como financiamento autonómico, a transferencia de competencias e a evolución que experimentou Galicia durante as catro décadas desde que se aprobou o texto estatutario galego, entre outros asuntos. Nas súas intervencións os tres presidentes galegos lembraron o gran compromiso, respecto e responsabilidade que asumiron no seu momento ao poñerse ao fronte do goberno da Comunidade galega.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, incidiu en que o Estatuto de Autonomía de Galicia “é unha historia de éxito, un punto de encontro e motor de avance que se prolonga xa por catro décadas e no que cabemos todos. Son partidario de aumentar o teito competencial de Galicia, pero necesitamos simultaneamente unha actualización da lexislación básica actual e un parámetro de co-gobernanza cun protocolo”, apuntou. O mandatario galego indicou que “a descentralización é un éxito sen paragón” e afirmou que “Galicia é hoxe unha terra máis próspera, que demostrou que nos momentos máis difíciles a autonomía foi útil”.

Feijóo tamén botou a vista atrás para lembrar como o 18 de abril de 2009 tomou posesión por primeira vez como presidente da Xunta e citou os maiores logros alcanzados durante o seu mandato desde entón: “Galicia non se quebrou durante a crise financeira; Galicia foi a comunidade pensinsular que rexistrou a menor mortalidade por cada 100.000 habitantes durante a pandemia, e tamén quero destacar a construción dun novo Servizo Galego de Saúde”, subliñou.

Ademais, o xefe do Executivo galego lembrou a evolución que tivo Galicia durante os corenta anos. “Galicia era unha das tres comunidades máis pobres de España, hoxe: conta cun PIB per cápita que supera o 93% da media estatal e unha renda media que chega ao 91%; pasa de 86 quilómetros de autovías a 1.400 quilómetros; duplica o número de hospitais, pasando de 14 a 28; multiplica por sete o número de centros de saúde, ata chegar aos 398, e é cuarta autonomía con menos débeda”.

O presidente da Xunta de Galicia apuntou que “cre no reformismo como país. Nestes momentos, os sistema financeiro premia a quen incumpre e isto debe cambiar, e tamén é necesaria unha actualización da lei electoral”, subliñou. Feijóo lembrou que desde a Xunta de Galicia demándase desde hai varios anos un modelo que supere a idea do reparto por territorios e garanta un financiamento igualitario a cada un dos cidadáns españois. Para iso, a cesta de recursos debe repartirse, segundo o Alberto Núñez Feijóo, en base a necesidades obxectivas de gasto de cada territorio e non a súa capacidade fiscal.

O expresidente Emilio Pérez Touriño destacou os avances logrados coa chegada do Estado autonómico e lembrou os grandes medidas adoptadas durante o goberno que presidiu: “a protección do territorio, coa aprobación da lei de 500 metros, e a aposta pola educación como instrumento de igualdade”. Desde os anos 80 ata a actualidade, Galicia “multiplicou por cinco a súa economía e a súa renda per cápita. Avanzamos en converxencia con Europa e España”, indicou.

Para Pérez Touriño, “é necesario reforzar o estatuto de autonomía para conseguir a súa estabilidade futura e superar as limitacións que ten Galicia, que pasan por delimitar de xeito máis preciso o mapa competencial das Comunidades autónomas; dotar de instrumentos de cogobernanza cunha participación máis activa das Comunidades autónomas e un pacto solvente no sistema de financiamento autonómico. Aínda nos queda moito camiño por percorrer”, apuntou.

Pola súa parte, o expresidente Fernando González Laxe afirmou que “hoxe pódese dicir que estes 40 anos de período autonómico foron moi positivos para o país. Foi unha época de avances en tódolos eidos. Non defendiamos un proxecto único, senón un autogoberno compatible coa convivencia nun Estado común, cunha espazo de convivencia e encontro entre as distintas formacións políticas e a cidadanía galega”, recoñeceu o extitular do Goberno galego.

González Laxe lembrou que “antes había moita máis lealdade das comunidades da que hai agora” e valorou o papel das Comunidades como investidor público e elemento tractor para a modernización. Doutra banda, Laxe reiterou a idea de reforzar as competencias de Galicia, mediante o diálogo, o consenso e os mecanismos de cooperación e a loita contra o fraude mediante sistemas de vixilancia nos presupostos. “É necesario chegar a acordos beneficiosos para Galicia cos obxectivos de afondar na sostibilidade do estado de benestar e dar resposta aos que, considerou, son os seus catro grandes retos: o demográfico; un tamaño medio das empresas reducido; unha produtividade por baixo da media española; e a gran dependencia dalgúns concellos galegos das prestacións sociais”.

Ademais indicou que “é necesario perfeccionar e mellorar a identidade galega, superar a asimetría do sistema de financiamento autonómico mediante un pacto solvente e estable e dotar de instrumentos e mecanismos de cogobernaza. A pandemia a a crise sanitaria descubriu un modelo de cogobernanza democrática que debese reforzarse”, subliñou.

Dúas xornadas

A mesa redonda sobre o Estado autonómico e a evolución política e social de Galicia clausurou hoxe dúas xornadas conmemorativas que, baixo o título Galicia. 40 anos de autonomía (1981-2021), organizou a EGAP en Santiago para abordar as catro décadas do Estatuto de Autonomía de Galicia, en memoria de Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, presidente do Consello Reitor da EGAP e promotor destas actividades formativas, recentemente falecido.

Na xornada tamén participaron varios representantes parlamentarios das distintas formacións políticas como Pedro Puy (PP); Gonzalo Caballero (PSOE) e Luís Bará (BNG), que abordaron os retos, cuestións latentes e propostas de futuro do Estatuto de Autonomía nunha mesa moderada pola xornalista e subdirectora do Faro de Vigo, Irene Bascoy.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)