Publicidade

galicia calidade turismo


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Unha obra de rehabilitación en Santiago distinguida co Kora Design Award 2021



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE DECEMBRO DE 2021 · (0)



O premio recoñece a mellor arquitectura nova de Galicia. O proxecto, promovido pola produtora CTV e o Grupo Araguaney e realizado polos arquitectos Ansede Quintáns é especialmente interesante por transformar antigas oficinas en catro apartamentos na entreplanta do número 3 da Praza de Vigo, dándolles novo uso.


Deseñado polo estudo con base en Vigo e Santiago e dirixido por Cristina Ansede e Alberto Quintáns, segundo contan, o proxecto resulta especialmente interesante ao ser unha obra na que se transforman antigos locais baleiros. “A principal característica é a gran altura, case catro metros, unha ampla ventá cara á rúa e ningunha fachada cara á parte de atrás do local, con gran profundidade” –explican os arquitectos.

Os apartamentos posúen un gran espazo de salón, comedor e cociña, e dous deles teñen ademais un dormitorio independente. Nas zonas de entrada, máis afastadas de fachada, dispóñense zonas de almacenamento, lavanderías, armarios e baños. En dous dos apartamentos construíronse  altillos sobre a zona de comedor e cociña e nos outros dous unha zona elevada de dormitorio para separar ambientalmente a zona de descanso.

En ambos os casos, o obxectivo deste baile de alturas, ademais da creación de zonas de almacenamento, é apreciar realmente a gran altura dos salóns e parte das zonas de entrada de case catro metros. Tamén crearon cambios nos materiais de revestimento a partir dos dous metros e vinte centímetros, a altura baixo os  altillos, resaltando o valor do teito. No encontro entre as zonas brancas e as zonas de salón totalmente revestidas van aparecendo todos os materiais, en cada apartamento dunha forma. As zonas de entrada, máis escuras, demandaban máis luz, e o inmenso espazo dos salóns demandaba máis textura e materiais que provocasen unha maior sensación de abrigo e confort.

Todo se completa cunha iluminación cálida e íntima, apliques de parede e focos que iluminan indirectamente. As cociñas intégranse nas zonas de día, con materiais similares para resaltar a unidade do espazo.

As bases do concurso establecían que se podía presentar calquera arquitecto ou grupo de arquitectos que, ao finalizar a obra, tivesen 45 anos ou menos. Competiron obras construídas en Galicia, tanto de nova planta como de rehabilitación, finalizadas durante 2020 e 2021. O premio dáo o estudo internacional de iluminación e deseño de produto Kora, con sedes na Coruña e Madrid e presentáronse 70 candidatos, dos cales o xurado, composto polos arquitectos galegos Covadonga Carrasco, Jordi Castro e Elisabeth Abalo, seleccionou sete finalistas, entre os que se atopaban dúas obras do estudo Ansede Quintáns.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)