O CPEIG celebrará a gala “A Noite” o 1 de xullo en Santiago
Para a entrega anual dos premios de Enxeñaría en Informática reuniranse 350 convidados entre profesionais de empresas TIC, corpo colexial e autoridades. E está aberta a convocatoria do XIII Premio Traballo Fin de Máster ata o 12 de maio.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia celebrará a súa “XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” o 1 de xullo no Hotel OCA Puerta del Camino, unha cita consolidada e espello do traballo desenvolto polos enxeñeiros en informática na sociedade da información e as iniciativas das TIC galegas.

Entregaranse os Premios da Noite, con 11 categorías nas que colexiadas e colexiados recoñecen iniciativas e persoas destacadas en enxeñaría en informática. Os galardóns de 2021 recaeron en: Samsung Electronics Iberia polo seu proxecto ‘Tallk’ destinado a facilitar a comunicación das persoas enfermas de ELA, Premio e-Inclusión; a empresa galega Councilbox, Premio Iniciativa Emprendedora; Red Mundo Atlántico, Premio Iniciativa Empresarial; o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) polo seu proxecto Quantum Computing destinado a colocar a Galicia como un referente internacional en tecnoloxías cuánticas en 2030, Premio Iniciativa da Administración; o Premio Ada Byron foi para a enxeñeira en informática Ana Freire, experta en intelixencia artificial e recuperación de información; o Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña polo seu proxecto ‘Talentos Inclusivos’ destinado a fomentar as vocacións TIC entre a mocidade e dar visibilidade ás persoas con diversidade funcional, Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino; o enxeñeiro en informática Carlos Eloy López Blanco, Premio Traxectoria Profesional.
O gañador do Premio Traballo Fin de Máster recibe 1.000 euros
O Premio Traballo Fin de Máster en Enxeñaría Informática quere ser un estímulo para os estudantes e titulados recentes no máster en Enxeñaría en Informática. Poden concorrer ao premio todas as enxeñeiras e enxeñeiros en informática que presentaran nunha universidade galega o traballo fin de máster nos anos 2020, 2021 e 2022. Os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación. O TFM gañador recibirá, ademais, unha gratificación económica de 1.000 euros. En 2021 o premio foi para Elisa Fernández Álvarez polo desenvolvemento dunha ferramenta que permite a xestión e explotación dos datos de carga viral obtidos a partir da análise de augas residuais .
Comentarios (0)