Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O sector galego dos áridos pide investimento en obra pública e rehabilitación enerxética



REDACCIÓN · PUBLICADO O 27 DE ABRIL DE 2022 · (0)



“A crise afectou gravemente a moitas canteiras, polo que é necesario aumentar a confianza da industria galega”. Alberto Novoa, presidente de Arigal (Asociación Galega de Áridos) presentou as cifras de 2021 na Asemblea desta mañá na Cidade da Cultura: o sector aumentou a produción nun 4% con respecto a 2020 pero as tarifas eléctricas e os prezos do gasoil afogan a moitas empresas.


Alberto Novoa insiste no mal momento do sector: “a maquinaria de triturado e  machaqueo de rocas, así como o cribado e o movemento nas cintas aliméntase de electricidade, que superou os límites da cordura”. Ademais, o gasoil necesario para mover a maquinaria pesada está en récords históricos. “Esta subida incide tamén no prezo do produto final cando se serve a pé de obra”.

O sector dos áridos está intimamente ligado ás industrias do cemento, formigón e aglomerados asfálticos e todas elas á súa vez vinculadas á industria da construción. Polo que o presidente da entidade fai unha petición á Administración, un plan económico cun horizonte de polo menos 5 anos: “novas infraestruturas de xeración eléctrica, comunicacións, abastecemento e tratamento de auga, ampliación de redes de subministración de gas, creación de redes de calefacción urbana, buscando a eficiencia enerxética para alcanzar o compromiso de cero emisións netas no ano 2050”. Tamén na necesidade de fomentar a obra pública e as rehabilitacións de infraestruturas sanitarias, educativas e de parques industriais; así como o fomento da rehabilitación do parque de vivendas para mellorar confort e eficiencia enerxética.

As cifras seguen sendo insuficientes en relación ao resto de Europa, sobre todo en canto ao consumo deste recurso: a media por habitante en Galicia é de 3,42 toneladas por habitante, mentres que europea ascende a 6. 

María Coutinho, directora xeral de Recursos Minerais, comprometeuse no peche da xornada a tratar de liquidar con Arigal os problemas aos que se enfrontan como a subida do prezo da luz cunha estratexia marcada pola “Axenda Mineira de Galicia”. “E imos tratar de axudar ao sector mediante tramitacións máis áxiles, implantación de procedementos dixitais e liñas de axuda destinadas á mellora do medioambiente e ao impulso da sustentabilidade", que xa traballa coas Declaracións Ambientais de Produto (DAP) mantendo a industria na roda da economía circular e con restauracións mineiras.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)