Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os Psicólogos Clínicos do Sergas buscan respostas para abordar o “alarmante” problema da saúde mental en infancia e adolescencia



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE MAIO DE 2022 · (0)



Nunha xornada formativa aberta abordaron a realidade dos hospitais de día infanto-xuvenís. E cómo poder dar resposta a este sector da poboación, “desde hai anos con insuficiente atención especializada”, denuncian. Hai 15 psicólogos públicos para unha poboación de 385.000 menores de 16.


Malia que valoran a mellora que os novos dispositivos supoñen -tres hospitais de día infanto-xuvenís  creados no SERGAS (Vigo, Santiago e Lugo)- no contexto do Plan  Galego de  Saúde Mental Postcovid 2020-2024, sinalan a clara insuficiencia de profesionais de psicoloxía clínica aínda co incremento destas contratacións: a comparativa cos datos achegados doutras comunidades autónomas deixan á psicoloxía  clínica do Sergas en clara desvantaxe con respecto a outras comunidades.

A xornada “moi enriquecedora”, segundo afirman dende a Asociación de Psicólogos Clínicos do SERGAS, achegou diferentes visións de como se poden articular novas respostas ante “o alarmante incremento de patoloxías mentais,  sufrimento e dificultades de crecemento a un sector da poboación que estivo  tradicionalmente desatendido na protección sanitaria da súa saúde mental e desenvolvemento persoal”. Falouse da importancia da infraestrutura e os espazos, da estabilidade dos  equipos, da coordinación co sistema educativo e a necesidade de considerar a ampliación  da prestación a menores de entre 16-18 anos, franxa de idade de especial sensibilidade, que queda en “terra de ninguén”.  

Celebrada o 23 de abril, na primeira mesa abordouse a posta en marcha dos tres hospitais de día infanto-xuvenís que prevé a creación dun dispositivo destas  características en cada unha das 7 áreas sanitarias. Fíxose evidente as dificultades para a posta en marcha dun dispositivo novo e as diferenzas entre áreas sanitarias nos niveis  de implantación, resaltando tamén o positivo da experiencia a nivel profesional. E xa na segunda mesa, especialistas en psicoloxía clínica de hospitais de día infanto-xuvenís das  comunidades autónomas de Valencia, Andalucía e Asturias, cunha traxectoria máis longa no  funcionamento destes dispositivos, compartiron as súas experiencias e modelos de traballo.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)