O Conecta Ourense da CEO ten en marcha 19 tramitacións de axudas para empresas
Asesorou a 142 firmas nos dous meses que leva en marcha. Así o lembrou esta mañá a presidenta dos empresarios ourensáns, Marisol Novoa, na presentación dunha xornada para informar das axudas do Igape e os fondos Next Generation
O director do Igape, Fernando Guldrís, resumiu o programas de apoio do instituto para este ano, centrados na innovación, no eendemento, financiamento e internacionalización; Santiago Álvarez, subdirector dos Proxectos Tractores, explicou a composición dos fondos e Eloy Pérez, conselleiro delegado de Unvi, narrou a experiencia desta empresa ourensá na tramitación de axudas para fabricar autobuses eléctricos.

Eloy Pérez, cuxa empresa está emprazada no Polígono Industrial de San Cibrao, explicou que entraron no vehículo eléctrico a raíz dun cliente que xa tiñan en París e lles demandou o produto. Agora levan 5 meses nun proxecto a 3 anos vista, en colaboración con 5 empresas máis, para un produto novidoso de autobús eléctrico que encaixa no programa de Automoción Sostible convocado polo Goberno. Tanto Eloy Pérez como o director do Igape destacaron a necesidade de formar alianzas e consorcios empresariais con firmas de polo menos dúas comunidades para solicitar proxectos destinados a axudas dos fondos Next Generation.
Fernando Guldrís fixo un repaso ao mapa de apoios Igape 2022 destacando unha liña de apoio en contornas rurais e a nova para emprendedores Galicia Emprende. “A mellora competitiva do tecido produtivo galego é unha prioridade, máis, se cabe, na situación económica actual, que está dificultando a actividade da práctica totalidade da industria”, salientou Guldrís. Repasou tamén o programa Galicia Inviste ou os préstamos directos do Igape, ademais dunha nova liña de préstamos avalados para facilitar liquidez ás empresas e facer fronte ao continuo encarecemento de materias primas. E en canto a internacionalización, lembrou os programas Galicia Exporta Empresas e Galicia Exporta Dixital. Deste último destacou que na provincia de Ourense este programa permitiu ata agora impulsar 24 plans empresariais de internacionalización dixital por valor de máis de 900.000 euros
Os fondos Next Generation figuran no eixo central do Igape de cara a atracción de novos proxectos e captación de fondos, e para iso está destinada a unidade de Proxectos Tractores. Diso falou o subdirector desta unidade, Santiago Álvarez, que explicouque os fondos se basean en 4 eixos, 10 pancas e 30 compoñentes, En canto á actuación desde o Estado, fixo alusión aos PERTE, dos que xa hai 9 aprobados: vehículo eléctrico conectado, renovables e almacenamento, agroalimentario, nova economía da lingua, economía circular, naval, aeroespacial e dixitalización da xestión da auga; mentres que hai tres aínda pendentes de aprobación, os de semicondutores, economía social e dos coidados e industria electrointensiva. O subdirector do Igape explicou a estratexia galega neste eido, comunidade que ten asignados 818 millóns, e aludiu ao deseño dun polo de transformación, ademais de oficinas técnicas de apoio en determinados PERTES como o da saúde ou do vehículo eléctrico, en colaboración coas agrupacións industriais. Recomendou que as axudas deben provocan un cambio efectivo na empresa. A porcentaxe media da axuda é dun 30 ou 35%, aínda que para a de innovación está destinado unha porcentaxe maior de achega.
Marisol Novoa realizou un breve balance do alcance das oficinas do proxecto Conecta Ourense, xurdidas hai dous meses dun convenio coa Xunta para detectar o potencial das empresas e axudalas na tramitación destas axudas. En dous meses desde a posta en marcha os técnicos de Conecta Ourense en Verín, O Barco e Ourense cidade, están a colaborar coa tramitación de 19 solicitudes para pemes.
Comentarios (0)