Estudantes da UDC conquistan o podio da fase galega da global Management Challenge (GMC)
Óscar Martínez, Jacobo Díaz, Ana Karen Cuacuas e Adrián Lago, estudantes do Máster en Dirección e Administración de Empresas (MBA) do equipo Arume, representarán a Galicia na fase final da GMC: a maior competición de xestión empresarial do mundo baseada na simulación. Teñen que tomar decisións como se fosen un consello de administración.
Inicialmente reciben información histórica coas decisións e resultados da súa empresa referente aos últimos cinco trimestres. A partir da análise desta información, deben definir a estratexia e tomar decisións nos seguintes cinco trimestres. O equipo gañador é o que consegue dar maior rendibilidade aos accionistas da empresa, isto mídese en función do valor da acción, modificado polas accións emitidas e recompradas, así como os dividendos pagos aos accionistas.

En cada trimestre deben tomarse un total de 77 decisións numéricas que afectan as áreas de Marketing, Operacións, Recursos Humanos e Finanzas, estas decisións inclúen:
- Publicidade (corporativa e produtos)
- Prezos (produtos e mercados)
- Transporte (contedores a distribuidores)
- Calidade (I+D, melloras, montaxe, materiais)
- Operacións (materiais, mantemento, quendas, web)
- Comercio Internacional (UE, NAFTA, Internet)
- Comerciais (recrutamento, comisión, soporte)
- Medio Ambiente (impactos ambientais)
- Persoal (recrutamento, formación, salario)
- Finanzas (accións, dividendos, préstamos)
E tras meses de competición, Arume resultou vencedor dun total de doce equipos. Arume participará na Final Nacional na Cámara de Comercio de España, enfrontándose a equipos procedentes da Comunidad Valenciana, Andalucía, Castilla-La Mancha, e Madrid.
Global Management Challenge promove a innovación educativa da universidade, permitindo adquirir competencias profesionais de forma práctica, divertida e altamente competitiva. A diferenza da maioría das competicións de plan de negocio e de creación de empresas, en GMC -funcionando dende 1980- os participantes aprenden a xestionar, a tomar as decisións e entender o seu impacto en todas as áreas. E inicia aos universitarios na utilización de ferramentas que lles permite analizar o estado e evolución da súa empresa e enfrontarse a un mercado real e un contorno altamente competitivo.
Comentarios (0)