Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Luz verde á venda de Barreras a Armón por 14,7 millóns de euros



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE MAIO DE 2022 · (0)



O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, autorizou á administración concursal a facelo. O estaleiro asturiano subrogará a vinte traballadores. “O feito de que se recupere actividade é unha boa noticia para a industria galega, máis cando a adxudicataria conta con contrastada experiencia e solvencia”, afirma Enrique Mallón, Secretario Xeral de Asime.


Tal como recóllese no auto, contra o que non cabe recurso, 14,2 millóns corresponden aos bens e dereitos que adquire a empresa, e medio millón de euros será abonado pola chatarra dos cascos da armadora Havila.   

A maxistrada explica na resolución que, á hora de tomar a decisión sobre a venda da unidade produtiva, tivo en conta que “o beneficio dalgúns interesados vai en prexuízo de outros”. E advirte de que “se se mantén a estrutura empresarial existente para evitar a perda de postos de traballo, está a favorecerse aos traballadores da concursada, pero á conta dos acredores e dos traballadores destes acredores”.

A industria naval galega xera hoxe en día 8.000 empregos, lonxe dos máis de 10.000 de hai uns anos, e cunha carteira de pedidos moito máis débil. “As instalacións que explotará agora  Armón contan 300.000  m2 e supoñen a maior capacidade do conxunto do naval privado español. Recuperar este potencial é fundamental para revitalizar a industria naval galega, que pode ser sen dúbida  tractora da recuperación económica e a xeración de emprego indirecto na industria auxiliar no actual contexto”, conclúen desde Asime. Mallón lembra que “o sector se enfronta a retos moi importantes ligados á transición enerxética e a competitividade industrial, no que vai xogar un papel esencial a capacidade produtiva da nosa industria en áreas como a construción e reparación naval, a eólica mariña ou a innovación en buques. É importante que recuperemos esa capacidade naval en Galicia, que se viu fortemente mermada nos últimos anos”.

Por iso a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia ve positiva a chegada de Armón, “presenta unha boa oportunidade de poñer en marcha por fin un proxecto sólido que recupere o que no seu día foi un pulmón industrial clave en Vigo, que sirva para potenciar a industria naval e reactivar ás empresas auxiliares que se viron duramente castigadas polas crises encadeadas de estaleiros como Barreiras ou Vulcano nos últimos anos”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)