Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Unha plataforma dixital para o comercio local e unha editorial de creación de libros animados con ilustracións e audiolibros



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE MAIO DE 2022 · (0)



Son Cunca (UDC Space de Ferrol, imaxe de apertura), e Zorro Blanco (UDC Space da Coruña). Os dous proxectos gañadores da XIII edición do programa de emprendemento universitario Explorer “Jóvenes con Soluciones”, que promove o Banco Santander para mozos e mozas de entre 18 e 31 anos.


Pablo Seoane, Sara Soldevilla, Carlos Rodríguez, Ana Montero e Alberto Caaveiro, estudantes do Grao en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto no Campus Industrial de Ferrol, son os creadores de Cunca, unha plataforma de comercio local que pretende deixar claro que “ser de barrio non é un problema, máis ben unha oportunidade”.

E detrás da editorial Zorro Blanco está a antiga alumna da Facultade de Ciencias da Comunicación do Campus da Coruña, Alba Álvarez, que  cursa un máster en Ilustración e Concert Art. Tanto os estudantes da Escola Universitaria de Deseño Industrial como a moza titulada en Comunicación Audiovisual galardoada viaxarán no mes de xullo ata Oporto para continuar formándose nun HUB de innovación europeo.

Os segundos premiados e máis ideas

No que atinxe ao UDC Space de Ferrol, o segundo foi para o proxecto FastVisit, especializado na creación de tarxetas de visita virtuais para restaurantes e hoteis. Detrás desta proposta están dous estudantes do Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, Sofía Yaringaño e Antonio Cruz.  O terceiro premio foi para Eva Cayetana Somolinos, graduada polo Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño nas especialidades instrumentais de Viola e Piano, quen presentou AcercArte, un proxecto que une música e arte a través da sinestesia. O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu este martes 10 de maio a presentación dos 10 proxectos finalistas e o acto de entrega de premios.

E no UDC Space da Coruña, o segundo premio foi para o proxecto ASMIKASA, un marketplace dirixido aos peregrinos do Camiño de Santiago ideado polo alumno da Facultade de Economía e Empresa, Iago Parga. O terceiro premio foi para BODS, unha plataforma para solicitar bonos para eventos. Detrás está o estudante da Facultade de Dereito, Alfonso Martínez. A Sala de Prensa da Reitoría da Universidade da Coruña acolleu, o luns 9 de maio, a presentación dos oito proxectos finalistas. 

O Explorer “Jóvenes con Soluciones”

Esta iniciativa de emprendemento universitario que dirixe o Centro Internacional Santander Emprendemento está dirixido a mozosde entre 18 e 31 anos que, ao longo de 12 semanas de formación en liña, traballan nun proxecto da súa elección para atopar unha solución sólida, viable e sustentable enfocada a resolver problemas relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030: educación de calidade, enerxía non contaminante, traballo digno, redución de desigualdades, produción e consumo responsable, accións polo clima e a creación de alianzas. Nesta XIII edición, foron un total de 39, maioritariamente da Universidade da Coruña, que recibiron  formación con proxectos mentorizados por persoal docente e investigador da UDC e varios integrantes da delegación coruñesa da Asociación de Sénior Españois para a Cooperación Técnica.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)