Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O Dr. Carlos Peña Gil recolleu en Santiago o II Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía



REDACCIÓN · PUBLICADO O 07 DE XUñO DE 2022 · (0)



O cardiólogo do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) recolleu o galardón recibido polo seu equipo o ano pasado e cuxa gala tivo que aprazarse por mor da pandemia. No acto o empresario arousán anunciou que na edición deste ano o premio aumentará a dotación económica un 50% até os 30.000 euros.


O Dr. Carlos Peña Gil agradeceu a concesión do galardón destinado ao proxecto “Mellora continua da calidade na xestión integral do proceso de estenose aórtica sintomática”. O cardiólogo comezou a súa intervención explicando “o valor dun equipo” para incidir na importancia do correcto funcionamento de todas e cada unha das fases do proceso asistencial, que abarca diversas accións diagnósticas e terapéuticas, desde a indicación de intervención ata o retorno do paciente á súa actividade normal. Un proceso no que participan “diferentes profesionais, en diferentes momentos e lugares, en ocasións con atencións fragmentadas con pouca continuidade asistencial”. Por iso puxeron en marcha o traballo premiado, destinado a “detectar novos marcadores de risco de progresión de estenose aórtica dexenerativa” e a “asegurar que as decisións que se toman nun proceso, en cada paciente, son as adecuadas conforme á evidencia científica e aos seus resultados”.

O mecenas do Premio, Ramiro Carregal, felicitou o equipo gañador “e a todos os investigadores básicos e clínicos que coidan da nosa saúde”. O empresario resaltou o feito de tratarse dun equipo galego “o que demostra a calidade da nosa sanidade” e agradeceu o apoio da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria representada no acto pola súa presidenta, a Dra. Eloína Núñez, así como o traballo do Dr. José Ramón González Juanatey, “sen o cal este Premio non sería posible”.

Na súa intervención o presidente executivo do Xurado defendeu a sanidade pública como base esencial (xunto coa educación) do noso estado de benestar. O catedrático e xefe de Cardioloxía do CHUS incidiu tamén na importancia do apoio á investigación para poder facer fronte a patoloxías que afectan a miles de persoas, como son as cardíacas e pediu, unha vez máis, un cambio real para que se recoñeza e se aposte definitivamente pola actividade investigadora.

O conselleiro de Sanidade foi o encargado de clausurar o acto. Durante a súa intervención Julio García Comesaña exaltou o labor do equipo de profesionais que participan no proxecto, pondo en valor a traxectoria do doutor Peña Gil no ámbito da investigación, “un exemplo da aplicación da investigación e a innovación na praxe diaria”, afirmou. Neste senso, agradeceu o traballo de todo o seu equipo, ao contribuír a situar a sanidade galega no mapa das boas prácticas sanitarias. “O uso da innovación ten unha repercusión directa na calidade asistencial e na experiencia dos pacientes”, apuntou o titular de Sanidade, ao tempo que salientou que a Xunta seguirá a impulsar e a apoiar aqueles proxectos que incidan neste ámbito.

Entre outros, lembrou que o departamento que dirixe xa está a traballar na posta en marcha dunha nova versión do sistema de historia clínica dixital, e que tamén avanza na creación da oitava área sanitaria, cuxo compoñente dixital e o emprego da intelixencia artificial, permitirá que os profesionais do Servizo Galego de Saúde poidan avanzar no ámbito da prevención de doenzas, ademais de acadar uns diagnósticos máis precoces e precisos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)