Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O software libre reúnese en Vigo achegando solucións en sectores clave



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 23 DE XUñO DE 2022 · (0)



A cidade galega será o epicentro do software, hardware e cultura libre os días 24 e 25 de xuño co Congreso esLibre, dos máis importantes a nivel estatal e internacional. No Museo Marco e no espazo Muta achegaranse ideas de aforro na factura enerxética: hai fogares que lograron rebaixas de ata o 100% do custo variable, pasando de 400 euros de gasto a 8.


Este miragre pódese conseguir a través do proxecto FreeDs, une hardware e software libres para xestionar os excedentes enerxéticos nun momento e derivalos para outros usos. Conta con case 2.000 persoas que, a través dun grupo de mensaxería en Telegram, comparten consellos e asesoran sobre a montaxe e uso deste sistema, que apenas custa 50 euros. Pero iso sí para lograr o aforro é preciso contar coa instalación e o consumo de fontes de enerxía alternativas aos combustibles fósiles, como a enerxía solar. Desagrazamente moitos non poden tirar desta solución.

Tamén haberá debates e conferencias sobre a situación do movemento do software libre en Galicia e  comunidades como Asturias. Precisamentre a galega é unha das autonomías onde hai un sector con empresas referentes e de gran proxección internacional. As actividades do congreso tamén se centrarán en achegar ferramentas para combater o software malicioso na utilización de sistemas libres como Linux ou como a plataforma Arduino, que incentiva o interese e a práctica en programación por parte do estudantado de ensino secundaria e bacharelato.

O software libre é transversal a todos os sectores da economía e iso tamén aplica á construción, unha das actividades con maior peso na economía galega e española que, pese a iso, está moi pouco dixitalizada. Unha das charlas amosará as carencias e o que queda por facer neste eido. Outra das conferencias máis esperadas é a que protagonizará Pietro Marini, da compañía Nextcloud, unha plataforma de código aberto que permite ás súas persoas ter o control sobre os seus propios datos subidos á súa propia nube particular. O sistema estase utilizando en produción en centenares de miles de organizacións en todo o mundo, algunhas delas con bases de usuarios masivas.

Desde a web do congreso pódese acceder a horarios e actividades programadas. A asistencia é libre e gratuíta pero, por cuestións de aforo, é preciso rexistrarse en case de querer asistir de xeito presencial, pero tamén estará dispoñible en liña. As entidades anfitrionas e que colaboran na organización co equipo de coordinación a nivel estatal son o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol). 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)