Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O foro de referencia da industria biotecnolóxica do Espazo Atlántico Europeo, na Coruña



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 22 DE SETEMBRO DE 2022 · (0)



Galicia é a segunda rexión de España que máis proxectos empresariais biotecnolóxicos crea. Hoxe e mañá Palexco é o escenario perfecto para establecer sinerxias, desenvolver ideas e entrar en contacto con investidores e clientes. Galicia Biodays reúne perfís de primeiro nivel e abre as portas a novos negocios con máis de 60 relatores.


Entre os ponentes está por exemplo Adolfo Sastre, que compatibiliza a codirección do Instituto Global de Emerxencias de Patóxenos coa súa dirección na Escola de Medicina do hospital neoiorquino Monte Sinai ou Santiago Domínguez, CEO de Mestrelab Research e director xeral de BioTech Smart Capital, o primeiro fondo de investimento privado galego especializado en biotecnoloxía. Conferencias, talleres e actividades que reúnen a representantes do sector que chegan de países como Estados Unidos, Reino Unido, Brasil e Francia. 

Mañá, por exemplo, presentarase aquí o Biopolo Sionlla a partir das 10, un proxecto estratéxico para Santiago froito da colaboración público-privada da Asociación Área Empresarial do Tambre, Xunta, Concello, USC e Cámara de Comercio de Santiago O biopolo conta  tamén cun stand promocional. A obra xa está en marcha e previsiblemente inagurarase en xaneiro de 2023 con naves para empresas. De feito o vindeiro 10 de novembro a Asociación Área Empresarial do Tambre acolle unha xornada comercial con empresas onde se lles explicará detalles técnicos.

Tamén o venres 23 a xerente do Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec), Ana Botas Cal, modera a mesa redonda sobre o papel transformador da bioeconomía entre as 13 e as 14 na sala Arao, que contará coa participación de Marilia Nuti, senior researcher and Brazilian delegate en OECD-WPSNFF and Codex Alimentarius; Cleber Oliveira Soares, secretario adxunto de Innovación, Desenvolvemento e Irrigación no Ministerio de Agricultura, Gandeiría e Abastecemento de Brasil; e Íñigo Ribas, technical advisor en biofuel production and waste valorization en Repsol. Abordaranse aspectos de lexislación en materia de bioeconomía e, máis concretamente, exemplos sobre o emprego de recursos biolóxicos procedentes da terra e do mar, así coma de residuos convertidos en insumos para a produción tanto de alimentos como industrial e enerxética.

O evento final de Galicia Biodays está protagonizado polo proxecto Laboratorio Dixital do Futuro (FutureLab) iniciado en xullo de 2019. Santiago Domínguez presentará os resultados xunto co resto de participantes: Avansig, Appentra Solutions e o profesor Rafael Cela da Universidade de Santiago. A mesa estará moderada por Lucía Castro Díaz, xerente do Hub de Innovación Dixital DATAlife. O obxectivo é deseñar unha contorna dixital intelixente que dea soporte á conexión e automatización dos laboratorios nas industrias farmacéuticas, biotecnolóxicas e químicas, así como universidades e centros de investigación. Faino con software e arquitectura na nube para crear unha contorna que conecte a todos os elementos aumentando produtividade e eficacia e transcendendo barreiras xeográficas. 

En Galicia a Estratexia de Consolidación do sector Biotecnolóxico 2021-2025 vertebra o ecosistema produtivo empresarial. Esta cita está por iso liderada pola Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación e a Agrupación industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida, BIOGA, con foco principal na colaboración público-privada. Os asistentes acoden tamén ao BioTalent Day, un “Got Talent” do sector onde presentarse, coñecer que perfís teñen máis demanda e sabér qué buscan as compañías nos candidatos para integralos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)