Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Pendentes das oportunidades do Perte naval para a nosa industria



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 22 DE SETEMBRO DE 2022 · (0)



Máis de 40 empresas, centros tecnolóxicos e organizacións da cadea de valor da industria asistían esta mañá a un encontro impulsado por Asime e Aclunaga. Nel, Francisco Castelo, Xestor de Fondos e Proxectos de Navantia dixo, “buscamos empresas líderes, socios dispostos a investir compartindo riscos, sinerxias e a capacidade intelectual que se xere”.


“O principal obxectivo deste fondo de recuperación é impulsar o I+D+i do sector naval con base nas tecnoloxías de arquitecturas e novos sistemas de propulsión eléctrica”, dixo Luís Salgueiro, Técnico de Innovación de Asime. Falouse tanto das liñas de axudas existentes como das próximas pendentes de publicarse, para ver de mobilizar con tempo ás empresas e que aproveiten os cartos de Bruxelas, á postre cartos de todos, recadados cos impostos. E seguir facendo máis forte a imprescindible colaboración público-privada. O naval galego representa habitualmente o 50% de toda a carga de traballo e capacidade produtiva de España.

“Esta é unha oportunidade única para a industria, o Perte busca contribuír á xeración de emprego, o incremento de recursos financeiros e novos proxectos e sobre todo mellorar a cadea de valor. As pequenas e medianas empresas son fundamentais á hora de presentar proxectos tractores que xeren un crecemento sostido e colaborativo”, dixo Francisco Castelo, Xestor de Fondos e Proxectos de Navantia. “Nós buscamos empresas líderes, socios dispostos a investir compartindo riscos, sinerxias e a capacidade intelectual que se xere”. Malia que Carlos Blanco, responsable de innovación de Navantia, engadiu: “estamos ante contornas desfavorables cunha potente crise de emprego e talento, o que esixe unha dose maior de colaboración, un dos puntos máis difícis para presentar proxectos de éxito.”

“Desde Asime e Aclunaga estamos a coordinar ás empresas da industria naval – marítima galega”, explicou Enrique Mallón, Secretario Xeral de Asime. “Por iso convocamos tanto ás empresas tractoras navais como da industria auxiliar e complementaria, para tentar poñer en común as liñas de innovación e tentar que xunto coas nosas entidades asociativas podamos impulsar eses proxectos e fortalecelos”.  Óscar Gómez, xerente do cluster naval galego, incidiu na idea de que “debemos presentar proxectos con potencial, ademais de dar a coñecer as axudas do Perte e as posibilidades de unirse a algunha desas ideas. Nun momento complexo no que a enerxía, chips, e granito son lastres, asociacións como Asime e Aclunaga son necesarias para dar facilidades ás empresas”. Finalmente, Rafael Domínguez, Director Técnico de Aclunaga, incidiu en que o obxectivo é precisamente “trasladar claridade sobre o Perte Naval. Achegar solucións de como se poden transformar as cadeas de valor buscando competitividade a medio-longo prazo sustentanda en catro piares: diversificación, dixitalización, sustentabilidade ambiental e capacitación”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)