Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Asime convoca 100 prazas no seu novo programa integrado de emprego



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 24 DE NOVEMBRO DE 2022 · (0)



Enrique Mallón, Secretario Xeral de Asime, destaca a importancia da iniciativa para “suplir a falta de persoal cualificado que hai no sector industrial”. O 35% de empresas precisa de traballadores con maior ou menor urxencia pero que non poden cubrir. Durante un ano darase formación, orientación e intermediación laboral nas zonas de Vigo (70 prazas) e Narón (30 prazas).


“Hai que traballar intensamente para fomentar plans de formación continua tanto de traballadores activos como de desempregados ou mozos que empezan. Á vez tentamos reverter a imaxe errónea que existe moitas veces do sector do metal, que se profesionalizou de forma exponencial nos últimos anos cunhas condicións e ambiente laboral imbatibles na maioría dos casos, e onde os profesionais entran e fan carreira, con empregos estables e de calidade”, explica Mallón.

Os Programas Integrados de Emprego de Asime nos últimos anos deron formación e orientación a máis de 350 persoas, cunha elevada inserción a través de prácticas non laborais que, en moitas ocasións, resultaron en contratos laborais. Enrique Mallón explica: “pretendemos contribuír a solucionar a brecha entre demanda de perfís e cualificación dos traballadores, xerando emprego e potenciando o crecemento do sector industrial". "En Galicia necesítanse, como mínimo, 500 persoas para cubrir os pedidos e contratos pechados a día de hoxe e 800 de forma permanente. En moitos casos tírase de persoal propio que xa ten coñecementos necesarios, pero en moitas ocasións isto dificulta o poder asumir novos proxectos, e iso é algo que nos preocupa enormemente”.

Mallón continúa: “a demanda afecta a todas as industrias do metal, que precisan perfís que van desde electromecánica a soldadura, tubaxe, delineación, caldeiraría, deseño industrial, enxeñería… e cada vez máis, especialistas en áreas tecnolóxicas para programación de maquinaria, de sistemas para automatización de procesos e xemelgos dixitais, ciberseguridade e big data”. 

De qué van os itinerarios 

Cubrirán necesidades reais das empresas, o que maximiza a posterior inserción no mercado laboral. A maiores dos cursos, os participantes recibirán, polo menos, 5 sesións de orientación laboral personalizada para axudarlles na integración no mercado laboral, que se espera que sexa de polo menos un 45%. O programa recolle medidas de conciliación e unha bolsa de 7 euros por día asistido.

A formación é en soldadura con arco eléctrico, soldadura MAG e TIG, así como prevención de riscos laboráis; tubaxe industrial e tamén prevención de riscos nos lugares de traballo; loxística e condución de carretillas elevadoras, e administración e xestión, manexo de programas Contaplus e fundamentos de Excel. Está orientado a demandantes de emprego destes colectivos: persoas desempregadas maiores de 45 anos, menores de 30 con baixa cualificación e menores de 30 anos cualificadas, perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (RAI), persoas desempregadas con discapacidade, mulleres desempregada e persoas desempregadas de longa duración.

As persoas interesadas poden escribir a paula.barreiro@asime.es ou emma.gonzalez@asime.es para participar no proceso de selección que permanecerá aberto ata o 13 de xaneiro.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)