O Consello de Ministros escolle A Coruña sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia)
España será o primeiro país europeo en dispoñer dunha axencia coma esta. A candidatura foi apoiada polo Nodo Galego de Intelixencia Artificial (Nodo GALICIA) e polo goberno autónomico, Alfonso Rueda dixera “non hai candidatura mellor que a nosa”. Hoxe toca celebración, porque había moitas candidatas.
"Foron 37 as candidaturas que recibimos co impulso da política local, dos alcaldes e alcaldesas, pero tamén co acompañamento das comunidades autónomas", dixo esta mañá a ministra de Política Territorial e voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, en rolda de prensa. “Conta tamén A Coruña cun excelente ecosistema económico e empresarial”. Efectivamente o apoio das empresas do sector e de toda a Comunidade foron determinantes para a elección. O edificio de "La Terraza", no corazón da cidade, será a sede.

O pasado 3 de novembro o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, participaba na Coruña no acto de presentación da candidatura (imaxe de apertura) que conta co apoio de máis de 70 organismos e empresas dun sistema no que prestan servizo máis de 50 firmas, o 80% delas galegas. A Comunidade, ademais, ten unha Estratexia para o desenvolvemento da intelixencia artificial. Se ben Rueda dixo que o gran reto da humanidade ante as máquinas intelixentes é que o seu uso non substitúa nunca aos valores humanistas, “que a persoa siga estando no centro das decisións”. Hoxe, a Xunta felicitábase pola implicación de todos, destacando a "profesionalidade e xenerosidade dos integrantes do Nodo GalicIA" e engadindo que AESIA contribuirá a consolidar a Galicia como "referencia na estratexia europea de lograr o liderado na Intelixencia Artificial fiable, con criterios humanistas e en defensa dos dereitos fundamentais das persoas".
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, celebraba nun vídeo esta mañá nas redes sociais a noticia mentres a Cámara de Comercio enviou un comunicado cualificando de “excelente noticia” esta sede porque supoñerá “un indubidable desenvolvemento en investigación, emprendemento, investimento, atracción de talento e xeración de emprego de calidade”. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, felicitou á alcaldesa pola "solidez do proxecto", que gañou entre 16 candidaturas finalistas. “O éxito da candidatura da Coruña para atraer a AESIA é xa o éxito de toda a sociedade galega”, dixo o delegado. E felicitou a toda a comunidade investigadora e universitaria galega, e ao tecido empresarial que arroupou esta candidatura para facer realidade o “polo de innovación de referencia que se está desenvolvendo na comunidade”.
Na cidade e área de influencia existe en desenvolvemento un importante ecosistema empresarial TIC, que aglutina a máis dun centenar de empresas e dá emprego a catro mil tecnólogos, xerando o 60% do VAB do sector en Galicia. A Universidade da Coruña ten a Facultade de Informática máis antiga de Galicia, cun grao específico en Intelixencia Artificial, e o CITIC (Centro Tecnolóxico das Tecnoloxías da Información e Comunicación), primeiro centro galego coa distinción de “Centro Singular de Investigación”. Tamén está a poñerse en marcha a Cidade das TIC, infraestrutura que aglutinará unha parte importante do conglomerado TIC da área que atraerá profesionais expertos en novas tecnoloxías, sistemas de IA e modelos de supervisión, ética ciencias sociais e xurídicas.
Comentarios (0)