Qué é a Alianza Industrial H2 Verde?
A suma de 700 asociacións e empresas galegas (alianza público-privada) que busca aproveitar as condicións favorables que temos para producir o hidróxeno verde (consíguese mediante electrólise da auga). E vén de nacer. Coñecemento e experiencia compartida para xerar pegada industrial.
O proxecto desenvolverase en varias liñas, comezando pola identificación de oportunidades dentro da xeografía galega en toda a cadea de valor do hidróxeno e o deseño e posta en marcha de instrumentos específicos para introducilo na industria.

Tamén incidirase na necesaria formación especializada, na investigación e no desenvolvemento das infraestruturas poder executar un corredor atlántico de hidróxeno Galicia-Norte e Portugal. Alfonso Rueda, o presidente da Xunta, dixo na presentación da alianza que hidróxeno pode converterse nunha oportunidade estratéxica para a industria produtora e máis sectores polo que pediu ao Goberno central que conte con Galicia para o primeiro corredor europeo de H2 verde.
“En Norvento Enerxía estamos moi satisfeitos de poder sumarnos a esta iniciativa e poñer a disposición a nosa experiencia no sector das enerxías renovables. Estamos seguros de que esta alianza contribuirá a colocar a Galicia como un referente mundial” di o presidente de Norvento Energía, Pablo Fernández Castro. A compañía lucense, por exemplo, está a impulsar a produción de hidróxeno renovable a partir dos excedentes enerxéticos da súa sede principal, coñecida como Cinema (Centro de Innovación Norvento Enerxía), no parque empresarial As Gándaras (Lugo). O edificio está totalmente desconectado da rede eléctrica e de gas e se autoabastece con enerxía 100% renovable xerada in situ. Ademais, combina unha serie de fontes de xeración en modelo de autoconsumo cun deseño altamente eficiente e un sistema de intelixencia artificial que regula o consumo en función da demanda.
Úneselle agora este proxecto de hidróxeno verde mediante electrólise (de auga desmineralizada) nunha nova edificación que se construirá anexa á sede. O hidróxeno almacenarase para o seu posterior uso en reelectrificación dentro da microrred do Cinema.
Comentarios (0)