Xosé Antón Cascudo gaña o Premio Ramón Piñeiro 2022
Lévao polo seu ensaio "A mística en Mad Men". Cascudo naceu en Guitiriz en 1976 e exerce como profesor de Xornalismo na USC, ademais de ser poeta e director de documentais. Licenciado en Historia da Arte é tamén doutor en Filosofía e un recoñecido estudoso galego no eido audiovisual.
O premio, que vai pola XXII edición, está dotado con 3.000 euros e ha ser publicado por Editorial Galaxia durante 2023. O xurado valorou o seu estilo ensaístico, “moi ben perfilado”. O seu traballo é unha achega que "conecta con destacados estudos internacionais reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo”, Mad Men.

A premiada serie, emitida dende 2007 a 2015, amosa o elegante Nova York de finais dos 50 e da década dos 60, onde Don Draper loita por manterse na cima da axencia de publicidade Sterling Cooper. A través dela artéllase este ensaio, moi centrado tamén en cuestións de xenéro e para o que haberá que esperar un tempo a velo impreso.
Este premio está organizado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, co patrocinio de Caixa Rural Galega. A xuntanza do xurado realizouse na mañá de hoxe, nas instalacións do Centro Ramón Piñeiro en Santiago de Compostela. Compuxeron o xurado Rocío Carolo, Marcos Calveiro, María López Sández, Marta Neira e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto. Aínda que só un levou o premio o xurado quere destacar "a variedade e o interese do conxunto de traballos presentados a concurso, o que amosa a vitalidade do xénero ensaístico en Galicia".
Comentarios (0)