Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O novo centro de investigación de Mestrelab Research traballará o eido farmacéutico e biotecnolóxico



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 30 DE DECEMBRO DE 2022 · (0)



Estará na contorna do Campus Vida da USC e mobilizará 9,8 millóns de euros. A spin off da USC -que desde 2018 pertence á multinacional Bruker Inc-, comprométese a contratar a un mínimo de 30 investigadores e tres persoas de apoio á xestión antes de finalizar os investimentos en 2025.


A previsión da compañía – que a finais de novembro recollía o premio da I Edición dos Premios á Excelencia Empresarial Axenda Urbana 2030 do Concello de Comspotela, (na imaxe)- é empregar todo apoio recibido para acelerar o crecemento do seu departamento de I+ D en Santiago. O centro tamén contribuirá ao posicionamento de Galicia como referencia para o grupo estadounidense Bruker.

Esta multinacional, que mercou a spin off en 2018, está a traballar na estratexia de especialización en software a nivel mundial, e basearase en Santiago tras o apoio da Xunta ao seu novo centro vía Axencia Galega de Innovación: contará así cun investimento público de 4,2 millóns de euros, sumando unha mobilización total público-privada de 9,8M€.  

Mestrelab Research, creada en 2004, desenvolve software de procesado e análise de datos de laboratorio e emprega a máis de 70 traballadores. Co novo proxecto acelerará a investigación para o deseño de novas ferramentas dixitais de alto valor engadido actuando como espazo neurálxico para unha comunidade de tecnólogos e científicos das ciencias da vida. Traballará en ramas científicas relativas á intelixencia artificial e algoritmia avanzada aplicada en bioloxía estrutural o que permitirá melloras nas técnicas de instrumentación para o estudo de macromoléculas, análise de datos de química sintética e o procesado de datos en espectrometría de masas exacta.

O novo espazo estará na contorna do Campus Vida da Universidade de Santiago (a sede principal está na Rúa Feliciano Barrera) e incardínase nos obxectivos da Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 2021-2025 xunto co centro de servizos avanzados na Sionlla.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)