Máis de 22 millóns de euros para o Centro Galego de Protonterapia de tratamento do cancro
Estará en Santiago e ofrecerá un dos sistemas máis avanzados atendendo a pacientes de Galicia, Asturias e Castela e León. A protonterapia trata tumores de difícil acceso reducindo moito a duración dos procesos e evitando os efectos secundarios doutras terapias, ao ser moi precisa. Detrás disto tamén están os 280 millóns que achegou a Fundación Amancio Ortega.
Traballarán nel 20 profesionais entre oncólogos radioterapeúticos, radiofísicos, enxeñeiros, persoal de enfermería e técnicos de radioterapia.
A Xunta asinaba co Ministerio de Sanidade a finais do ano pasado, un convenio que permitiu axilizar procesos e implantar un centro que vai atender, especialmente, as necesidades médicas de pacientes oncolóxicos con longa supervivencia, sobre todo na poboación infantil. O convenio esténdese a outras comunidades para cubrir o maior espectro asistencial do Sistema Nacional de Saúde. “As obras licitaranse de forma inmediata e o prazo de execución será de 28 meses”, indicou Rueda, presidente da Xunta, tras finalizar o Consello deste xoves.

O Centro de Protonterapia traballará en rede con todos os servizos de radioterapia de Galicia e coas especialidades implicadas nas indicacións que son as de oncoloxía médica, cirurxía, traumatoloxía, pediatría, neurocirugía, oftalmoloxía e anestesia.
Pola complexidade técnica que supón o Executivo galego considera necesario a realización conxunta da redacción do proxecto, a obra e a dirección da obra. Este xoves autorizaba todo por 22.278.896 euros, susceptible de ser cofinanciado nun 60 % polo Feder Galicia 2021-2027. Os orzamentos da Xunta para o próximo ano xa recollen unha partida de dez millóns de euros para iniciar a construción.
Alta eficacia
E maior seguridade que a radioterapia convencional con fotóns ou electróns. Esta técnica que permite un tratamento moi eficaz de tumores de difícil acceso ou en lugares sensibles, cunha altísima precisión que acurta de maneira moi significativa os tratamentos, e evita, en boa medida, os efectos secundarios doutras técnicas. Tamén reduce tratamentos innecesarios en tecidos sans, unha forma eficaz para tumores nos cales a radioterapia non resulta efectiva e a cirurxía non é unha opción. A diferenza da radiación de fotóns tradicional a de protóns dirixe os protóns cargados positivamente só ao tumor, onde depositan a maior parte da dose.
Prioridade
No mes de marzo de 2021 anunciouse a súa inclusión entre os proxectos prioritarios da candidatura galega aos fondos NextGeneration e levouse a cabo un estudo para a implantación da técnica en Galicia mediante un convenio de colaboración entre a Consellería e o Sistema universitario de Galicia (SUG). Neste informe analizouse información actualizada existente sobre solucións técnicas e operativas
En febreiro deste ano o Ministerio de Sanidade publicaba a licitación dos dez equipamentos que se van a instalar en distintas comunidades, un deles no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. O concurso foi adxudicado a finais do mes de outubro por 263,5 millóns de euros á empresa IBA, sendo asinado o contrato o 8 de decembro. A multinacional belga Ión Beam Applications adxudicouse a subministración dos equipos que custeara a Fundación Amancio Ortega. É un dos grupos de referencia mundial na terapia de protóns.
E finalmente, entre os principais motivos polos que a área sanitaria compostelá acolle o novo Centro está a proximidade a un hospital referente en patoloxías neoplásicas, e dispoñer de todas as especialidades implicadas. Ademais dun contorno académico e de investigación con grande impulso en investigación básica.
Comentarios (0)