Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A investigadora da USC Laura Rubio Lareu evidencia que o 70% dos cosméticos “permanentes” son fraudulentos



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 02 DE XANEIRO DE 2023 · (0)



Na súa tese desenvolveu novos métodos de análise coas que amosa que a maioría dos que teñen características "extremas" —maquillaxes de longa duración, resistentes á auga ou de elevada permanencia,— non cumpren coa lexislación vixente. A moi ampla gama de ingredientes nas formulacións (incluíndo materiais pesados), e a presenza de impurezas son riscos para a saúde.


“A maioría non ten a composición esperada polo que son produtos fraudulentos, carecen de etiqueta e ademais presentan metais pesados”, apunta a investigadora. “Todo súmase á fácil dispoñibilidade no mercado en liña e á posibilidade de que nenos e nenas poidan usalos”, engade a autora desta investigación desenvolvida no Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA) da Facultade de Química da USC.

Os traballos incluídos nesta tese de doutoramento abarcaron a determinación de familias de compostos moi utilizados en cosmética —un total de ata 70 ingredientes, incluíndo plastificantes, conservantes ou fragrancias— e a caracterización doutros con características extremas e coñecidos pola súa maior permanencia. Respecto destes últimos, máis do 70% non cumpren coa regulación de cosméticos e máis do 30% tampouco contan cunha etiquetaxe correcta. Tamén se consideraron produtos con características fronteirizas como as tatuaxes e tinturas capilares temporais de orixe vexetal, englobando aquelas a base de henna e jagua. Os resultados amosaron que a maioría non conteñen os ingredientes activos esperados.

“Temos un elevado consumo diario de produtos cosméticos e de coidado persoal”, explica Laura Rubio. “Isto supón un alto grao de exposición a multitude de compoñentes, polo que existe un crecente interese polo control da calidade e seguridade deles”, engade a química.

E os produtos máis naturais?

Como hai demandas deles tamén se analizaron aceites esenciais comerciais e extractos naturais diversos con aplicacións en cosméticos. “A pesar de que conteñen compoñentes bioactivos potencialmente beneficiosos para a pel, a adición destes pode incorporar outras substancias aromáticas que se consideran alérxenos de contacto para os seres humanos”, relata a investigadora. Polo que tamén é preciso identificar e avaliar a súa presenza en produtos cosméticos que os inclúan na formulación.

A metodoloxía

Na súa tese traballou técnicas de preparación de mostras “que fosen sinxelas, rápidas, de baixo custo”, explica a investigadora. A determinación instrumental foi levada a cabo empregando cromatografía —tanto de gases como de líquidos— acoplada a espectrometría de masas de baixa e alta resolución. Demostrouse así a capacidade destas metodoloxías tanto para a análise e control dos ingredientes como para a caracterización en profundidade dos produtos cosméticos considerados.

A investigación doutoral, dirixida polas profesoras Carmen García Jares e Marta Lores, viuse reflectida en varias publicacións en revistas internacionais de impacto no ámbito da Química Analítica. E o tribunal encargado de avaliar o traballo acordou por unanimidade concederlle a cualificación de sobresaínte cum laude.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)