Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

No camiño dunha silvicultura activa



ESTHER GARRIDO · PUBLICADO O 05 DE XANEIRO DE 2023 · (0)



Adaptativa e de proximidade aliméntase do principio de quilómetro “0” na obtención de recursos naturais de alto valor acordado no Pacto Verde da UE. E en liña coa primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040. O ano pasado repartironse máis de 10 millóns de euros na nosa Comunidade para fomentala, sobre todo a montes veciñais en man común; e hai novas axudas.


Tamén poden pedir estes cartos públicos as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (Sofor) e propietarios particulares de maneira individual.

Sempre teñen prioridade as xestións forestais sostibles, polo que os montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal obtiveron a máxima puntuación. Como exemplo os montes de Tras da Costa, no concello ourensán de Boborás, propiedade en man común beneficiaria en 2021 e 2022 con máis de 48.000 euros, 33.000 xa executados. Os traballos polos que recibiron a axuda consistiron en rozas, podas e triturado, picado e extracción de restos. O terreo é de xestión pública e está ordenado e certificado co selo PEFC.

Estas achegas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (sobre o 90 %) correspóndese co primeiro semestre de 2023 para tentar asegurar continuidade na actividade das brigadas de traballos forestais. Cabe lembrar que segundo os datos da Asociación Forestal de Galicia (AFG), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación e mantemento de máis de 200 postos de traballo, polo que esta concesión de axudas públicas é moi benvida. Enmárcase no fomento dunha “nova arquitectura verde” no imprescindible camiño de tentar a maior prevención de lumes conseguindo que os montes sexan cerne dun sector forestal que se consolide definitivamente como actividade rural.

Novas axudas

No conxunto de Galicia foron 407 os expedientes aprobados para recibir axudas, 145 na provincia de Ourense, preto do 36 % do total. Séguelle Pontevedra que contou con 117 expedientes para 1.285 hectáreas e 2,2 millóns de euros, Lugo con 102 expedientes para 1.150 hectáreas cun importe de máis de 2 millóns de euros e A Coruña onde aprobáronse 43 expedientes para traballar en 501 hectáreas e case 1 millón de euros.

O 7 de decembro de 2022 o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicaba nova orde de axudas da Consellería do Medio Rural para a creación de superficies forestais con frondosas e coníferas nunhas 520 hectáreas de monte galego. Un millón de euros para 2023, coa posibilidade de que o orzamento se amplíe en función das solicitudes. A finalidade: fomentar a primeira forestación de terras non agrícolas unicamente con coníferas e frondosas, favorecendo a diversidade da superficie arborizada, á vez que se reduce o risco de incendios.

Entre as coníferas que se promoven: piñeiro do país e silvestre, e entre as frondosas están castiñeiro, carballo, ameneiro e sobreira. Na orde contémplase a posibilidade de que os propietarios forestais que teñan superficies con brotes de eucaliptais de diámetros por baixo dos 10 cm de media poidan acollerse ás achegas para transformalas. 



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)