Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Todo o que hai que saber do adeus ao "roaming"



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE XUñO DE 2017 · (0)



Máis de 10 anos custoulle á Unión Europea eliminalo pero ollo: o fin está pensado para beneficiar a libre mobilidade dos usuarios en períodos curtos pero non para o uso continuado, o roaming permanente.


Foi unha década de tiras e afrouxas coas operadoras. Tamén anos de anuncios de datas de fin de itinerancia móbil para despois aprazalas. Por fin, a partir do próximo 15 de xuño, poderemos utilizar o móbil tanto para realizar chamadas como para conectarnos a Internet en calquera país da UE sen pagar un sobrecusto. Pero o fin desta peaxe leva unha serie de implicacións e ten limitacións. A web kelisto.es resúmeas:

En que países terá vixencia?

En Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, República Checa, Croacia, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, España, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Reino Unido, Romanía e Suecia.

Que pasa en Reino Unido tras o Brexit?

Reino Unido eliminará o roaming o 15 de xuño como o resto de países da Unión Europea. Con todo, a situación podería ser diferente no futuro. Todo dependerá de como avancen as negociacións.

Que excepcións existen a ter en conta?

A Comisión Europea prevé situacións nas que as operadoras poderán cobrar por utilizar o móbil nun país distinto ao do lugar no que se contratou a tarifa, principalmente, para evitar prácticas abusivas dos usuarios e que, por exemplo, un cidadán español contrate unha tarifa en Malta para utilizala en España como o seu número de teléfono habitual só porque é máis barato que os prezos das operadoras nacionais. O fin do roaming está pensado para beneficiar a libre mobilidade dos usuarios en períodos curtos pero non para o uso continuado no tempo. Por iso estableceuse un período xanela de catro meses, suficientemente amplo para abarcar todo tipo de pequenas estadías no estranxeiro. As operadoras comprobarán que os usuarios, no últimos catro meses, non utilizaron o seu móbil máis tempo noutros territorios diferentes ao país no que contrataron a súa liña telefónica. Nos casos nos que se detecte que no últimos catro meses o usuario utilizou máis o seu móbil no estranxeiro que no país de orixe, a súa operadora poderá pedirlle explicacións e solicitarlle que demostre que reside no país ou que ten vínculos estables con ese Estado membro. O cliente terá un prazo de 14 días para ofrecer unha resposta á súa compañía e xustificar que se atopa noutro país por unha causa razoable, como, por exemplo, un desprazamento de empresa, ou estar matriculado nunha Universidade. Con todo, nos casos nos que o usuario non o poida xustificar a operadora deberá iniciar un procedemento de reclamación.

Que ocorre coas tarifas planas?

As operadoras poderán impoñer restricións no caso das tarifas máis competitivas, que ofrecen unha cantidade ilimitada de datos para navegar e limitar o seu uso maioritario no mercado nacional. Isto non se aplica en España, posto que ningunha operadora ofrece tarifas planas de datos neste momento, pero poderían facelo no futuro. O mellor é que consultes coa túa operadora antes de viaxar.

Podo contratar unha liña de telefonía móbil noutro país e beneficiarme do fin do roaming?

Si. A aplicación non depende do país no que se contratou a tarifa de telefonía. O que está limitado é que o uso maioritario da liña realícese no país que se contratou. Isto quere dicir que un cidadán español pode contratar unha liña móbil en Bélxica e utilizala alí maioritariamente sen pagar roaming (se, por exemplo, reside uns meses alí), pero o que non se pode facer é contratar unha tarifa máis económica noutro país e utilizala maioritariamente en España. Estariamos obrigados a usala principalmente dentro dese territorio.

Como darme de alta?

Non é necesario. Por defecto, todos os clientes de telefonía móbil de contrato de calquera país membro beneficiaranse do fin do roaming a partir do 15 de xuño. Posteriormente, é posible que nalgúns casos as operadoras pidan aos usuarios que demostren que o seu lugar de residencia habitual é o país onde contratou a tarifa.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)