Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

A denominación de orixe máis antiga de Galicia prepárase para os premios DO Ribeiro



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE XUñO DE 2017 · (0)



A sexta edición destes galardóns celebrarase o 20 de xuño no Mosteiro de San Clodio (Leiro, Ourense), onde se reunirán máis de 250 profesionais adegueiros, colleiteiros, distribuidores, almacenistas e xornalistas.


Con estes premios, Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro homenaxea, nas súas categorías honoríficas, a traxectoria salientable de varias personalidades. A master of wine, xornalista e escritora británica Sarah Jane Evans MW é o novo premio “Persoeiro de Honra”; o xornalista catalán Joan Gómez Pallarés, o “Premio á Mellor Tarefa de Comunicación”; a sumiller galega radicada en Madrid Mónica Fernández acada o galardón “Muller e Viño”; e Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma, recibirá o “Premio Vida entre Vides”.

Tamén se conceden galardóns en tres categorías dedicadas aos profesionais das viñotecas e locais de restauración e hostalería, outorgados directamente polas adegas adscritas á Denominación. Na categoría de “Mellor Tenda Especializada-Viñoteca” son candidatos: Casa Amador (Ferrol), El Yate (Vigo) e La Sucursal (Lugo). Na de “Mellor taberna-Bar de Viños”, os aspirantes son: Mesón Picasso (Ferrol), Casa de vinos Montecarlo (A Coruña) e Bagos (Pontevedra). Por último, na categoría de “Mellor Servizo de Viño en Restaurante”, os finalistas son: O Retiro da Costiña (Santa Comba), A Mundiña (A Coruña) e O Barazal (Maside). Ademais, durante o evento desvelaranse os gañadores das categorías “Mellor viño branco adega”, “Mellor viño branco colleiteiro” e “Mellor viño tinto”.

Os gañadores

Sarah Jane Evans, Master of Wine, é unha escritora de viños especialista en viños e gastronomía de España. Durante a súa andaina, foi xornalista, editora de revista, escritora de libros e traballou en televisión e radio. É copresidenta dos Decanter World Wine Awards, o concurso de viños máis grande no mundo. Evans sucede como Premio de Honra ao xornalista Cristino Álvarez, gañador en 2016, en 2015 foi recollido polos restaurantes e cociñeiros galegos con Estrela Michelin e na edición de 2014 recoñeceu ao catador Josep Roca (El Celler de Can Roca).

Joan Gómez Pallarés é o responsable do blog De vinis, en activo dende xuño de 2006 con case 1.300 artigos publicados, ademais de colaborador de El País Semanal. Na súa longa traxectoria estivo implicado en numerosas iniciativas, como a Bullipedia, e puxo a súa sinatura en medios de comunicación como Cutpages ou El Periódico de Catalunya. En 2016 o Premio Mellor Tarefa de Comunicación foi para Salvador Manjón, director de La Semana Vitivinícola.

Mónica Fernández, nada en Quiroga (Lugo), é a directora de sala e sumiller dos restaurantes do Grupo Bambú. Entre as funcións do seu posto está a formación e supervisión dos equipos de sala de todos os locais, así como o deseño das cartas de viños. Recibiu o Prix au Sommelier (Premio ao Catador) outorgado pola Academia Internacional de Gastronomía en 2017 e o Premio Nacional de Gastronomía 2015 á mellor directora de sala. Mayte Santa Cecilia, directora de marketing e de compras das tendas Bodega Santa Cecilia, recolleu o Premio Muller e Viño en 2016.

Arsenio Paz, Premio Vida entre Vides, adquiriu xunto a Chon Labrador o lugar da Vilerma en 1977 e, daquela, quixo comezar a facer viño para os seus amigos. Apostou por recuperar as variedades tradicionais e, aos poucos anos e sen pretendelo, lanzouse á explotación profesional do viñedo e contribuíu á revalorización e modernización dos viños do Ribeiro. Así, en 1987 saíron ao mercado as botellas de Vilerma, branco e tinto. En 2016, este galardón homenaxeou a Avelino Lorenzo.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)