Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os dereitos dos maiores



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE XUñO DE 2017 · (0)



Entre outros moitos teñen dereito a verse representados socialmente, a ser respectados, a tomar as súas propias decisións e a non ser tratados coma cativos. E deberían deixar de ser noticia por cousas completamente normais como casar ou acabar unha carreira, como se fora un logro imposible de conseguir para eles.


A Organización Mundial da Saúde calcula que para o 2025 a poboación maior de 60 anos superará os 1200 millóns. A infantilización que se fai desta franxa crecente de persoas (con sorte, todos chegaremos a ser máis vellos) inclúe acceder aos seus espazos privados sen chamar e abrir as súas cartas.

O 15 de xuño é o Día Internacional de Toma de Conciencia do Abuso e Maltrato na Vellez e Consello Xeral de Psicoloxía de España elaborou este manifesto que cómpre ler:

1. Dereito a decidir. Evitar que os outros decidan por el ou por ela, aínda que as veces, a decisión que tome sexa contraria ao que pensan as persoas coas que convive. Decidir é un principio e un dereito, non unha elección.

2. Dereito a opinar. A persoa maior gañou algo tan elemental como emitir unha opinión e a que esta teña o mesmo peso que a doutros.

3. Dereito a aprender. A idade non é unha limitación, manter o desexo de aprender é unha fortaleza que mostra curiosidade polo mundo que o rodea, ilusión e motivación. 

4. Dereito a namorar. As emocións en moitas ocasións son incontrolables. A persoa maior ten dereito a amar sen sen sentirse axuizado, sen sentirse culpable.

5. Dereito a expresar as emocións valorando os seus sentimentos e posibles sufrimentos. 

6. Dereito a denunciar calquera situación de maltrato, neglixencia ou trato inadecuado.

7. Dereito a xestionar o seu patrimonio, froito do traballo de toda unha vida. Só a persoa maior debe decidir sen delegar en ninguén, sen ser coartado, condicionado ou manipulado por terceiros.

8. Dereito a vivir máis e mellor. A idade non está inexorablemente ligada ao sufrimento, a persoa maior ten dereito a vivir nunhas condicións dignas, cunha asistencia psicolóxica, sanitaria e social axeitada.

9. Dereito a acceder ás novas tecnoloxías.

10. Dereito a gozar da súa sexualidade, unha expresión humana independentemente da idade, de si se ten parella ou non.

11. Dereito a decidir sobre a súa propia morte. Será respectada mediante a elaboración dun testamento vital no caso de perda das facultades intelectuais.

12. Dereito a preservar a identidade persoal e a dignidade. Dereito á liberdade, á autonomía, a ser respectado nas decisións, a que se lle dea a información sobre o estado de saúde e decidir que fai con ela.

13. Dereito a non ser tratado de maneira infantil respecto de situacións como:

Falar demasiado lento, como se non fora capaz de comprender o que se lle está dicindo.

Falar co volume moi alto, porque dáse por sentado que está xordo.

Utilizar vocabulario infantil: “meu amor”, “ceo”, “cariño”, alcumes (“bo/boa chico/a”), “meus nenos”.

Uso de tuteo sen permiso da persoa.

14. Dereito á intimidade (hixiene, soidade, sexo). Non acceder aos espazos privados sen chamar, nin utilizar as chaves do domicilio aínda sendo familiar directo, non abrir as súas cartas, non acceder aos seus enseres persoais. Este dereito está especialmente vulnerado nas residencias de persoas maiores onde hai que ter en conta que as portas están para ser pechadas sobre todo cando a persoa ten algún problema cognitivo.

15. Dereito a elixir libremente. Desde cuestións sinxelas ata cuestións complexas, en función á capacidade cognitiva, elixir o que comer, beber ou facer.

16. Dereito a promover o empoderamento. Todas as persoas precisan sentirse útiles e esa utilidade está relacionada coa dignidade, a autoestima e o sentido da vida. Se “xa non” son capaces de facer as cousas como as facían antes xa non valen para nada. Frases como xa non podo facelo”,  xa non son capaz”, provocan sentimentos de inutilidade.

17. Dereito a ter o control. Sobre as súas pertenzas, cartilla bancaria, correspondencia, teléfono, pensión. Eles son autosuficientes para dicir cómo queren xestionalas e qué queren facer con elas. Poden decidir en qué gastar os seus cartos e esta decisión debe ser respectada.

18. Dereito a non ser inmobilizado. As subxeccións das persoas mediante elementos de fixación física en caso de ter algún tipo de demencia xeran forte sensación de malestar e multitude de efectos negativos. Os tratamentos farmacolóxicos que anulan a capacidade de mobilidade das persoas poden ser substituídos por técnicas psicolóxicas.

19. Dereito a non ser polimedicado innecesariamente. A unha avaliación competente por parte do profesional sanitario axeitado, a recibir o tratamento menos invasivo, a que non se acumulen fármacos innecesarios.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)