Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Galicia lidera a caída do paro en xullo



REDACCIÓN · PUBLICADO O 02 DE AGOSTO DE 2017 · (0)



Con 7.794 desempregados menos, esta comunidade autónoma encabeza a clasificación, seguida de Andalucía (4.245) e Cataluña (4.075). Ademais, dúas provincias galegas Pontevedra (-3.004) e A Coruña (-2.796)– están entre as tres nas que máis baixou o desemprego.


O número de parados rexistrados nas oficinas dos Servizos Públicos de Emprego Estatal (SEPE) baixaron en xullo en toda España en 26.887 persoas en relación ao mes anterior, co que a cifra total de parados rexistrados no pasado mes se sitúa en 3.335.924, acadando o seu nivel máis baixo dos últimos oito anos. Así o anunciou esta mañá o secretario de Estado de Emprego e Seguridade Social, Juan Pablo Riesgo –na imaxe–, quen destacou, non obstante, que en termos desestacionalizados o paro sube en 11.771 persoas.

Nos 12 últimos meses, o paro reduciuse en 347.137 persoas, mantendo un mes máis un alto ritmo anual de redución, que se sitúa no 9,4%. Durante os sete primeiros meses do ano o desemprego diminuiu en 367.050 personas. Por sectores económicos de procedencia dos traballadores, o paro rexistrado diminúe no de servizos en 17.656 personas, en industria en 5.257, en construción en 4.143 e no colectivo de persoas sen emprego anterior en 539. Sube, sen embargo, en agricultura e pesca en 708 persoas.

Respecto ás comunidades autónomas, o paro rexistrado baixa en 12, principalmente en Galicia (-7.794), Andalucía (-4.245) e Cataluña (-4.075), e sube en cinco, encabezadas por Estremadura (744) e Aragón (717). En canto ás provincias, o desemprego redúcese en 36, entre as que destacan Cádiz (-3.375), Pontevedra (-3.004) e A Coruña (-2.796), mentres que sube en 16, encabezadas por Almería (1.856) e Zaragoza (985).

O desemprego entre os homes sitúase en 1.407.638, o que supón un descenso do 12,93% (209.083) respecto a xullo de 2016, mentres que entre as mulleres acada a cifra de 1.928.286, que representa unha baixada do 6,68% (138.054) en relación co mesmo mes do ano anterior. Pola súa banda, o desemprego dos mozos menores de 25 anos diminúe en termos interanuais en 34.317, un 11,9%, sensiblemente por riba da media xeral do 9,4%. Dende os máximos rexistrados en marzo de 2012, o paro xuvenil se reduciu un 50,7%.

Contratos

En canto ao número de contratos rexistrados durante xullo, a cifra foi de 1.928.639, o que representa unha suba de 112.368 (6,19%) sobre o mesmo mes do ano pasado. Respecto á contratación indefinida, o pasado mes rexistráronse 151.998 contratos desta modalidade, o que supón un aumento de 14.608 (10,63%) sobre o mesmo período do exercicio anterior. Se encadean así 42 meses de incremento da contratación indefinida.

Pola súa banda, os contratos indefinidos a tempo completo rexistraron un incremento do 13,93%, en relación a igual período do ano anterior. Así mesmo, a contratación indefinida entre os menores de 25 anos medra ao 21,8% nos sete primeiros meses de 2017, comparado co mesmo período de 2016. Neste sentido, o secretario de Estado de Emprego e Seguridade Social lembrou que o 73,2% dos asalariados en España ten un contrato indefinido, 7,5 puntos máis que en 2006, segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do segundo trimestre.

CCOO

Á vista dos datos coñecidos hoxe, que cifran en 100.937 os contratos temporais formalizado en xullo en Galicia para tan só 16.149 afiliacións máis, a secretaria de Emprego de CCOO en Galicia, Maica Bouza, lamentou que isto reflicte a “escasa” duración dos contratos rexistrados, e lembrou que boa parte destas contratacións corresponden ao sector servizos, o cal dá unha “imaxe clara da intensa precariedade e estacionalidade dos postos de traballo creados”.

Segundo sinalou, antes da crise había en Galicia mais de 1,07 millóns de persoas afiliadas á Seguridade Social, mentres que hoxe, con datos positivos, só hai 996.598. “Isto proba que o ritmo de creación de emprego é insuficiente para compensar o que se destruíu durante a crise, e mais se temos en conta que o PIB está a medrar un 3% mentres que o emprego o fai un punto por debaixo”, engadiu.

UGT

Pola súa banda, UGT-Galicia emitiu un comunicado no que tamén fai fincapé en que a redución do desemprego en Galicia en xullo en 7.794 persoas débese “a factores estacionais, especialmente por contratacións vinculadas ao turismo e á tempada de vacacións”, e ademais denuncia que esta diminución do paro baséase en “contratos temporais cada vez máis precarios”. “Precariedade que está consolidando a pobreza laboral e precariedade que chega tamén ao desemprego, xa que as prestacións apenas cobren á metade das persoas que están no paro”, explica.

Tras sinalar que “sen dúbida é unha boa nova” a baixada do paro, o medre das afiliacións á Seguridade Social e o aumento do emprego, o sincicato aclara que “isto é o esperable nunha economía que medra a un ritmo do 3%”, pero considera que, a pesar disto, “Galicia segue amosando unha crise de emprego, cunha taxa de paro do 16,1%”, e porque os datos de xullo revelan que “as empresas galegas seguen facendo só contratos temporais”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)