Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

CCOO non asina o convenio de rematantes e serradoiros de Pontevedra



PUBLICADO O 04 DE AGOSTO DE 2017 · (0)



Asegura que mantén a precariedade no sector. Denuncia que "co asinamento, por parte da UGT e da CIG, o persoal perderá os atrasos e continuará cos salarios máis baixos de Galicia neste ámbito, malia a recuperación económica".


O convenio asinado pola UGT, a CIG e a patronal recolle incrementos do 1,6 % desde o 1 de xullo pero renuncia a que o persoal cobre os respectivos atrasos. Para 2018 o incremento é do 1,7 % e para o 2019 é do 1,8 %, con cláusula de revisión. A Federación de Construción e Servizos de CCOO coida que o convenio oculta unha realidade “vergoñenta”: nos próximos tres anos, os salarios provinciais continuarán a ser os máis baixos de todo o sector en Galicia.

O secretario de Acción Sindical e Negociación Colectiva da Federación, Ricardo Santos, apunta que poderase dar a “peregrina situación” de que un traballador dunha empresa de Padrón (provincia da Coruña) cobre un 17,16 % máis ca outro que teña o centro de traballo no concello veciño de Pontecesures ou no de Valga . “Nestes exemplos, a maior distancia que os separa é a actitude dunha e doutra patronal na mesa de negociación”, incide o sindicalista. A Federación de Construción e Servizos denuncia que a patronal pontevedresa do ramo mantén a liña de precarización das condicións laborais. Tamén reprocha a súa “hipocrisía”, xa que os representantes empresariais recoñecen en diferentes informes que o sector se está a recuperar desde o ano 2015, con índices de produción e facturación similares ao 2008.

Galicia produce entre o 50 e o 55 % da madeira en rolo de España e o índice de produción industrial (IPI) é o maior do Estado. “Porén, a patronal teima en manter un convenio con táboas salariais inferiores ás táboas de mínimos estatais recollidas no IV Convenio Xeral da Madeira”, aseguran dende CCOO.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)