Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

En busca de ideas emprendedoras



REDACCIÓN · PUBLICADO O 21 DE SETEMBRO DE 2017 · (0)



A quinta edición de ViaGalicia presentouse onte en Lugo ante unha vintena de emprendedores. Os seleccionados para esta nova convocatoria poderán acceder á posibilidade de madurar a súa idea empresarial e os finalistas, a financiamento de ata 125.000 euros.


Unha vintena de emprendedores do norte de Galicia responderon onte á primeira cita de ViaGalicia 2017, o programa de aceleración de empresas promovido polo Consorcio Zona Franca de Vigo e a Xunta que, por terceiro ano consecutivo, abre sede norte na Fundación CEL-Iniciativas por Lugo para incorporar tamén proxectos empresariais nados na Coruña e Lugo.

Esta primeira cita tivo lugar en La Ferretería Eventos & Co nunha xornada técnica na que se explicaron as novidades e detalles desta quinta edición de ViaGalicia, que contou coas achegas de Teté Vilar, responsable de Emprendemento do CZFV; Carlos Alberto Vaamonde, técnico da Axencia Galega de Innovación (GAIN); Rodolfo Ojea, xerente da Fundación CEL, e a experiencia práctica de Pablo Vázquez Cageao, promotor, xunto con Coralia Díaz, a súa socia, de Deco-Theco, un dos proxectos lugueses que o pasado ano chegou á fase final de aceleración de ViaGalicia.

Na xornada detalláronse os diferentes obxectivos e fases do programa de aceleración, expoñendo tamén algúns casos de éxito de proxectos acelerados en anteriores edicións. Neste sentido, Rodolfo Ojea destacou na súa intervención que nas dúas edicións anteriores nas que participou a Fundación CEL “o interese e a resposta dos emprendedores ante este programa en Lugo e Coruña” foi importante: “165 propostas lideradas polos seus respectivos equipos presentáronse nesta sede norte, co obxectivo de participar no programa, de facer medrar os seus proxectos, dalos a coñecer e acadar a ansiada meta de optar a financiamento e ser acelerados”, subliñou.

Indicou tamén que “tras varias fases e cribas nestas dúas edicións, 40 destas propostas puideron acceder á chamada academia ou fase de pre-aceleración, madurando así de forma significativa os seus proxectos e beneficiándose xa desta forma da súa participación en ViaGalicia, da formación e experiencia recibida e vivida”. Sinalou tamén que “finalmente, doce destes chegaron á fase de aceleración, recibindo xa capital semente para facer realidade os seus proxectos e seguir traballando para xerar clientes, medrar, ser exitoso e acadar sostibilidade no tempo”.

Fases

A xornada de onte constituiu un primero input informativo de ViaGalicia 2017-2018, que dá o pistoletazo de saída á campaña de captación de proxectos acelerables por un programa que comprende varias fases (inscrición e preselección, Startup Day, Academia, Demo Day, Aceleración e Investor Day), que constitúe unha excelente oportunidade para emprendedores innovadores: facilita a maduración de ideas, networking e coworking, o acceso a posibles investidores e, aos proxectos que resulten finalistas, financiamento de ata 125.000 euros para lanzamento.

Esta nova edición de ViaGalicia conta cun presuposto de 2,65 millóns de euros para apoiar proxectos de negocio a través dun completo programa de aceleración de 18 meses, adicados a formación, asesoramento, mentoring, coworking e financiamento. A inscrición de proxectos pode realizarse a través da web www.viagalicia.gal ata o próximo 29 de setembro.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)