Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Un galego, entre os 13 elixidos para a Selección Española da Ciencia 2017



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE OUTUBRO DE 2017 · (0)



Antonio Figueras Huerta, director do Instituto de Investigacións Mariñas dende 2015, vén de recibir a camiseta que o acredita como membro nun acto que tivo lugar en Madrid. En xullo de 2016 liderou, xunto con persoal da USC, a secuenciación completa do xenoma do rodaballo.


Antonio Figueras Huerta, profesor de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas e membro do grupo Inmunoloxía e Xenómica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM, Vigo), figura entre os 13 elixidos para formar este equipo, tres mulleres e dez homes que traballan en eidos tan diversos como as tecnoloxías cuánticas, a robótica, a paleoxenética, a microanatomía, a protección do medioambiente, a astrofísica, a intelixencia artificial, a bioloxía molecular, a biotecnoloxía, a loita contra o sida, a bioloxía mariña ou a arqueoloxía botánica.

Os outros integrantes da Selección Española da Ciencia 2017, unha iniciativa do CSIC e a Revista Quo, son Concha Monje, da Universidade Carlos III; Carles Lalueza-Fox, do Instituto de Bioloxía Evolutiva); Javier de Felipe Oroquieta, do Instituto Cajal; Leonor Peña Chocarro, investigadora da orixe e a expansión da agricultura co apoio do Consello Europeo de Investigación (ERC); Xavier Querol, experto en contaminación ambiental que formou parte do comité asesor do programa Clean Air for Europe (CAFE) da Dirección Xeral de Medio Ambiente da UE; Josep María Trigo, do Instituto de Ciencias do Espazo); Ramón López de Mántaras, do Instituto de Investigación en Intelixencia Artificial; María Carmen Collado Amores, do Instituto de Agroquímica e Tecnoloxía de Alimentos; Javier Tamayo, do Instituto de Microelectrónica de Madrid; Lluís Torner i Sabata, do Instituto de Ciencias Fotónicas (ICFO); Guillem Anglada-Escudé, da Universidade Queen Mary de Londres, e Alejandro Ocampo, do Instituto Salk de Estudos Biolóxicos de La Jolla.

Antonio Figueras Huerta, nado en Vigo en 1957, é licenciado en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (1979) e doutor en Bioloxía pola mesma universidade (1984). Científico do CSIC dende 1987, na actualidade é profesor de investigación, e desenvolve o seu labor no grupo de investigación Inmunoloxía e Xenómica do IIM, cuxos obxectivos son incrementar o coñecemento sobre a transcriptoma e proteómica da resposta inmune de peixes e moluscos fronte a patóxenos, identificar xenes que se poidan empregar como marcadores en procesos de selección xenética e mellorar a resposta inmune mediante o uso de inmunoestimulantes e vacinas.

Outros méritos

Dirixe tamén o Laboratorio Nacional de Referencia de Enfermidades de Moluscos Bivalvos, e é autor de máis de 200 artigos científicos en revistas de impacto, 34 libros e capítulos de libros, e dirixiu 20 tesis doutorais. En xullo de 2016 liderou, xunto con persoal da Universidade de Santiago de Compostela, a secuenciación completa do xenoma do rodaballo, primeiro vertebrado secuenciado en España. No eido da cultura científica, é autor do blog “Ciencia Mariña e outros asuntos”, premio de comunicación científica blogs mi+d. En canto á súa experiencia no eido da xestión, foi director do IIM (2001-2005) e vicepresidente de Investigación Científica e Técnica (Vicyt) do CSIC (2012-2014).



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)