Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os alcaldes quéixanse polo novo trazado do Camiño Inglés



REDACCIÓN · PUBLICADO O 09 DE OUTUBRO DE 2017 · (0)



A Asociación de Concellos do Camiño Inglés tamén asegura, ademais, que hai falta de implicación das grandes cidades galegas na promoción. “Estamos facendo un traballo que deberían estar facendo elas”, afirma o alcalde de Abegondo. O rexedor de Pontedeume pensa que “en Santiago pódese entender esa falta de interese; pero na Coruña e Ferrol, non".


Bernardo Fernández engade que “na Coruña empeza a haber un pouco máis de receptividade, pero menos en Ferrol, quizais porque están máis centrados na promoción das súas propias cidades”.  Así o dixo na xuntanza desta nova Asociación o venres 6 no I Encontro Internacional no Camiño Inglés de Sigüeiro (Oroso). Os rexedores decidiron dirixirse á Dirección Xeral de Patrimonio para solicitar un encontro. “Cando a Asociación teña aprobados os estatutos loitaremos e dialogaremos”, dixo o presidente e alcalde de Oroso, Manuel Mirás.

Na mesa de alcaldes participaron, ademais de Manuel Mirás, os alcaldes de Carral, José Luís Fernández Mouriño; Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro; e Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, así como o edil de Xuventude de Betanzos, Andrés Hermida. Mirás puntualizou que “aínda que no caso de Oroso estamos moi satisfeitos co trazado si que nos constan lugares onde non é así, como na veciña parroquia da Barciela. Se a Asociación non entrou antes neste tema foi porque cando se fixo o trazado non existiamos, pero cónstanos que hai descontento en varios concellos e buscaremos iniciar unha negociación con Patrimonio”. Un punto no que coincidiu José Antonio Santiso, que explicou que “se pasa de andar por camiños no medio do monte a carreteras moi transitadas, co perigo que iso supón".

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, amosou a súa disposición a “facer algún itinerario alternativo, como se ten feito no Camiño Francés en Pedrafita. Un tema que xa é un recurrente é o feito de que a Igrexa da Barciela quede fóra do trazado oficial xusto cando celebra o seu centenario, e o feito de que se instara a crucar a N-550 por un punto de escasa visibilidade. Finalmente, Manuel Mirás indicou que “é certo que hai concellos que se preocupan menos pero agardamos poder implicalos e que traballen tamén na posta en valor do Camiño Inglés”.

A primeira peregrina

O I Encontro Internacional no Camiño Inglés incluíu as conferencias “Peregrinación y lengua. El Camino Inglés en la Edad Media” da doutora Penélope Johnson, da Universidade de Durham; “Peregrinos e peregrinas na Idade Media”, do doutor Miguel García-Fernández do CSIC; e “Margery Kempe e outras peregrinas do Camiño Inglés”, do doutor Manuel F. Rodríguez do Xacobeo. A xornada rematou cun percorrido polo Camiño  ao seu paso polo Paseo do Carboeiro e a colocación dunha placa dedicada a Margery Kempe, a primeira muller peregrina deste Camiño Inglés da que se ten constancia documental. Fixo a súa peregrinación en 1417.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)