Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Como impacta o estrés na vida en comunidade



REDACCIÓN · PUBLICADO O 06 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



O 16 de novembro, as 22ª Xornadas da Sección de Psicoloxía e Saúde reúnen no edificio Liceo de Betanzos durante tres días a máis dun cento de psicólogos e psicólogas. Aseguran que moitos dos problemas que levan as persoas á consulta non se resolven só con psicoterapia ou psicofármacos.


Estes problemas coidan que son o resultado dun modelo concreto de organización comunitaria: factores culturais, políticas económicas, sociais e sanitarias e xestión de recursos. Isto implica que moitas persoas afectadas polo estrés sofren repercusións na  saúde e nos proxectos vitais. O desemprego ou a precariedade laboral afectan non só á calidade de vida, senón tamén á maternidade.

 “Un psicólogo clínico célebre foi contratado nunha empresa para facer obradoiros grupais de manexo do estrés cos empregados. No primeiro día tratou que as persoas do grupo identificasen as situacións que lles xeraban estrés para cambialas. Ao terminar a sesión grupal despediron o psicólogo porque a empresa entendía que xestionar o estrés era algo diferente ao que coidaba este psicólogo”, conta Carlos José Losada López, especialista en psicoloxía clínica e presidente do comité científico organizador, na presentación do pasado venres.

De que falarase

O presidente do Observatorio da Infancia e a Familia en Menorca, Vicenç Arnaiz, impartirá un obradoiro na tarde do xoves 16 no que abordará a crianza nos primeiros anos e as novas realidades. Trátase de dar a coñecer as dificultades actuais e os recursos e as estratexias desde o enfoque comunitario, reflexionando sobre por que é precisa a tribo enteira na educación, como di o proverbio africano, e como isto entra en conflito cos cambios nas últimas décadas.

 O venres 17 ás 10:30 falará Gustavo Adolfo García Herrero, coordinador do Informe sobre o Estado Social da Nación. Pechará a mañá a primeira das mesas da xornada, que se centrará en muller e infancia. O psicólogo menorquino Arnaiz Sancho intervirá co relatorio "Da socialización da infancia á socialización da crianza", mentres que a psicóloga clínica Raquel E. San José falará de menores en situación de risco ou desamparo.

A muller

Na tarde do venres, a muller e o estrés ao longo das diferentes etapas vitais será obxecto de análise por parte de Lola Ferreiro Díaz, catedrática de Procesos Sanitarios e responsable da elaboración e desenvolvemento de Programas de Saúde Pública desde a perspectiva de xénero. Continuará a psicóloga clínica Felisa Balboa, do Centro de Información á Muller de Vigo e despois, a concelleira de Políticas Sociais de Santiago de Compostela e psicóloga, Concepción Fernández falará sobre a atención ás persoas sen teito neste municipio, mentres que para pechar a tarde falarase da realidade do estrés en Nicaragua, grazas á psicóloga Tamara Riego, coordinadora do Proxecto de Fortalecemento da Rede de Saúde Mental do Departamento de Estelí.

Na xornada do sábado continuarase coa intervención comunitaria. Pechará o educador social Roberto Casteleiro Bouza que abordará o estrés nas persoas con discapacidade intelectual. A conferencia de clausura correrá por conta do psicólogo clínico na área sanitaria de Ferrol, Amador Estévez. A psicóloga clínica Lidia Sánchez Edreira, presidenta deste comité, engade que “máis alá de que as xornadas son un encontro científico son tamén un evento anual de confraternidade entre profesionais, por iso está  programada unha visita guiada polo casco histórico de Betanzos e unha cea".



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)