Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Lavacolla? Non, Rosalía



REDACCIÓN · PUBLICADO O 07 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



O Consorcio de Santiago gastará 50.000 euros en cambiarlle o nome ao aeroporto da capital galega polo de Rosalía de Castro. Hoxe fixo pública esta decisión, cambio que sería efectivo a comezos de 2018. Tamén se ampliará o Museo do Pobo Galego cuns 400.000 euros polo de agora e un total de 2 millóns ata o vindeiro Ano Santo, que será en 2021.


A Comisión Executiva do Consorcio foi esta mañá, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo interadministrativo, Martiño Noriega. E avanzouse nos proxectos que integrarán o presuposto de 2018 contando cos mesmos cartos do presente exercicio por parte das tres Administracións, algo máis de 9 millóns de euros.

Por acordo das tres Administracións, -lembramos que o Consorcio é o órgano executor do Real Padroado de Santiago, cooperación entre o Goberno de España, a Xunta e o Concello - o Consorcio será o organismo encargado de financiar o cambio de denominación do aeroporto coa substitución e adaptación de toda a sinaléctica. Ademais, e segundo dixo Noriega, “o Consorcio segue coa filosofía de mantemento do casco histórico coa posta en valor tanto dos monumentos e edificios patrimoniais como das vivendas e locais comerciais, en cantidades similares ás deste ano”.

A ampliación

Dentro do obxectivos de cara ao Ano Santo 2021, o Consorcio ten previsto intervir na sede do Museo do Pobo Galego, no Conxunto de San Domingos de Bonaval, unha actuación que, pola súa dimensión e calado, prolongarase: unha ampliación recuperando a ala sur do conxunto e o xardín situado ao pé da fachada. Tamén comezará a traballar na musealización do futuro espazo expositivo mediante un convenio coa entidade xestora do museo. Esta actuación ascenderá a preto de 400.000 euros.  O reto da rehabilitación para usos de oficinas, talleres e exposicións da zona que ocupou o Colexio de Xordos dende 1864, suporá uns 2 millóns de euros ata 2021, o que permitirá tamén a súa apertura ao público.

Os convenios que se manteñen

Mantéñense as axudas ao Festival Cineuropa, a Fundación Granell e o Auditorio de Galicia. Ademais, destinarase unha axuda á AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) para a organización do evento de televisión Conecta Fiction, centrado na coprodución de series e miniseries de ficción entre Europa, Estados Unidos e América Latina. Tralo éxito da primeira edición celebrarase de novo na cidade  en xuño de 2018.

Tamén avanzouse nun novo convenio coa Fundación laboral da Construción -xa instalada na súa nova sede do Centro Nacional de Formación de Referencia en Materia de Rehabilitación, na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba- para accións formativas. E propúxose incrementar a dotación ao Programa ConCiencia de divulgación científica da Universidade de Santiago, que esta mesma fin de semana recibía o Premio da Crítica de Galicia na modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)