Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O aproveitamento da sangue dos matadoiros, e produtos anticontaminación e biomédicos, levan os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2017



REDACCIÓN · PUBLICADO O 08 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



Unha tecnoloxía que valoriza o sangue como fariña con aplicacións en alimentación animal, fertilizantes e cosmetica; novos sistemas anticontaminación para motores da man de BorgWarner, e hidroxeles para a liberación de fármacos a través das lentes de contacto, resultado do traballo conxunto universidade-empresa.


O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para formación recaeu no Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, no Campus Terra de Lugo, en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias Hiram Varela. Os galardóns serán entregados nunha cerimonia que terá lugar proximamente en Santiago de Compostela.

Os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia –que este ano fan á súa terceira edición- están promovidos pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores transferencias de coñecemento de organismos de investigación ao tecido produtivo.

O residuo gandeiro do sangue

Un dos proxectos premiados propón aproveitar o sangue dos matadorios en fariña de alta calidade, cun amplo abano de usos que van desde a fabricación de pensos para animais, fertilizantes agrícolas e aditivos alimentarios ata cosméticos, pegamentos, extintores antiincendios e emulsións asfálticas. A tecnoloxía que fai posible esta transformación foi patentada este ano e supón non só unha alternativa á retirada do sangue dos matadoiros, que supón elevados custos de xestión, senón a produción dun recurso de alto valor engadido, a fariña, que nos Estados Unidos se cotiza por enriba dos 1.100 dólares por tonelada.

Esta transformación é unha actividade residual en España, con resultados de moi baixa calidade xa que o proceso habitual é aplicar temperaturas elevadísimas que deterioran a calidade das proteínas. A tecnoloxía galardoada caracterízase por ser capaz de producir a fariña tratando o sangue a baixa temperatura. A máquina que deseñaron para facelo posible xa espertou o interese de matadoiros de toda España.

Lentes medicadas

Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle a HGBeyond. Esta spin-off nacida na Universidade de Santiago de Compostela en 2015 baixo o nome Lentimed, desenvolveu, en colaboración co Grupo I+D Farma da USC hidroxeles para a liberación de substancias activas no organismo cunha lente de contacto. A tecnoloxía está patentada en Europa, Estados Unidos e Xapón, países nos que se concentra o 70% dos 125 millóns de usuarios de lentes de contacto no mundo.

As aplicacións, que nun futuro se prevé ampliar, céntranse na produción de lentes de contacto brandas máis confortables a partir de hidroxeles capaces de evitar sequedade e  irritación. O outro produto que a empresa ten previsto lanzar ao mercado son lentes de contacto con fármacos incorporados deseñadas para liberar substancias terapéuticas nas doses precisas ao longo de días ou semanas. Isto  supón unha alternativa ás formas clásicas de administración de medicamentos para doenzas oculares, coa garantía de que o fármaco non se perde no fluído lacrimal e o usuario non esquece administralo.

Prototipos virtuais

O premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas recae en BorgWarner Emissions Systems Spain, filial española da multinacional norteamericana con sede en Vigo. A colaboración co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo (UVigo) permitiulle desenvolver unha ferramenta para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna que implantará en todas as fábricas que ten polo mundo. O premio ten carácter honorífico, pero o grupo de investigación percibirá 6.000 euros.

O proxecto consiste nunha ferramenta de cálculo que permite simular o comportamento dos sistemas de redución de emisións contaminantes para vehículos que a empresa fabrica. Minimiza os ensaios físicos para cada novo desenvolvemento ou modificación –moi custosos e prolongados no tempo–, e mellora a capacidade de resposta e fiabilidade ao permitir explorar múltiples opcións durante o deseño.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)