Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Profesionais galegos abordan as novas posibilidades de traballo de internet para a creación audiovisual



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



O Paraninfo da Universidade da Coruña acollía onte un encontro no que creativos deste sector, xunto con produtoras, axencias de publicidade e marcas, afondaron no mercado máis aló do cine e a televisión. E houbo un speed-dating no que 10 creadores e 10 empresas puideron coñecerse.


O obxectivo foi falar e coñecer de cerca o novo escenario no que moitos profesionais están empezando a traballar, que é a produción audiovisual deseñada para a difusión en internet, con fins promocionais ou comerciais. E moitas veces encargada directamente polas propias marcas.

A sesión matinal dividiuse en dous paneis. “A quen lle vendo o meu traballo? Novos formatos, novos clientes, novos mercados”, reuniu a creadoras, realizadores e produtores audiovisuais como Álvaro P. Becerra (Ainé Producións), Isabel Vila, creadora gráfica e animadora, JS Raimundi (Ziwa) e Adolfo Ponte Velasco (Milana Bonita Producciones), nunha mesa moderada polo presidente da Academia, o guionista Carlos Ares. E no panel “Máis alá do spot: o vídeo na publicidade dixital. Formatos e soportes” foron as marcas e as axencias de marketing online as que tomaron a palabra para dar a visión desde o outro lado deste ecosistema, o que xera a demanda de creación de vídeo en internet. Falaron Gabriel Barrós, director de comunicación do RC Deportivo da Coruña, David Fernández, brand manager de Cabreiroá, e Fátima Carmena, directora de proxectos de Nasas, axencia creativa de marketing online.

A xornada continuou pola tarde cunha sesión de speed-dating na que 10 creadores e 10 empresas puideron conversar durante 10 minutos para coñecerse, ofrecer servizos e explicar as súas necesidades. E pechouse cun coloquio sobre as condicións profesionais deste sector emerxente e a proposta dun código de boas prácticas a seguir por clientes, axencias, produtoras, e profesinoais asalariados e autónomos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)