Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

AJE Ourense, en cifras



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



Os 98 asociados que forman parte desta asociación de mozos empresarios facturan de forma conxunta máis de 40 millóns de euros e empregan a 350 persoas de maneira directa. Estes son algúns datos dados a coñecer onte na presentación da memoria anual da organización.


Destes datos cómpre destacar que un 14% dos membros desta asociación facturan máis dun millón de euros e o 33%, ata 50.000. No medio sitúase un 25% con facturacións entre 50.000 e 100.000 euros, o 11% que rexistra entre 100.000 e 200.000, a mesma porcentaxe para facturacioóns de entre 200.000 e 500.000 euros, e o 6% cun volume de negocio entre o medio millón e o millón de euros.

Os novos empresarios levan a cabo a exportación dos seus produtos a 18 países, entre os que se atopan Australia, Corea do Sur, Canadá, Arxentina, Colombia, EEUU, Holanda ou Marrocos. Isto demostra, segundo Lois Babarro, presidente de AJE Ourense, que “dende esta provincia se pode apostar por exportar, se pode nacer nun ámbito local pero con mentalidade global e internacional, e que hai multitude de países que cren no talento dos mozos empresarios”.

A directiva da Asociación de Mozos Empresarios de Ourense quixo facer balance da súa actividade, ao tempo que comunicaba en rolda de prensa estas cifras e agradecía aos medios de comunicación que dean visibilidade e difusión ás súas actividades e ás súas mensaxes. O presidente da asociación, Lois Babarro, estivo acompañado por Rosana Bernárdez, vicepresidenta; Luis Miguel Estévez, tesoureiro, e José Manuel Martínez, vogal da entidade.

Con estes datos sobre a mesa, os novos empresarios defenden que a ourensá é unha provincia chea de futuro e queren demostrar que ese porvir non depende do territorio no que se emprende, senón da actitude da xente que vive nel. As empresas deste colectivo ourensán acreditan que dende a súa provincia se pode exportar e crear postos de traballo, e que conta cun sector tecnolóxico e primario de gran percorrido e proxección.

Congreso internacional

Precisamente estes dous sectores estarán presentes no congreso que AJE prepara para o mes de febreiro. Na convención, que terá lugar en Casal de Armán, estableceranse tres mesas redondas para dar a coñecer o potencial destas actividades na provincia: téxtil, tecnolóxico e agroalimentario.

A día de hoxe, a Asociación de Mozos Empresarios de Ourense conta con multitude de sectores representados entre os seus integrantes, como Internet e novas tecnoloxías, formación, enerxías renovables, eventos, agroalimentario, comercio, hostalería, alimentación, etc. En catro anos, a afiliación pasou de 36 a 98 asociados na actualidade. Babarro destacou que dende AJE notan un percorrido ascendente e positivo no sector primario, o que se traduce en que cada vez máis xente, incluso a nivel internacional, recoñece o valor dos produtos ourensáns. Así, lembrou, en relación a esta proxección tan chamativa, as palabras de Steve Jobs, que dicía que ninguén sabe o que quere ata que se o ensinas”, e que neste punto está o labor dos colectivos empresariais, os medios de comunicación e a Administración, para dar a coñecer e difundilos.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)