Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Gran inicio de Fairway, II Forum do Camiño de Santiago



REDACCIÓN · PUBLICADO O 13 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



O primeiro día deste encontro, que se celebrou onte no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, estivo marcado por actividades para todos os públicos e a inauguración.


O acto inaugural correu a cargo dos co directores de Fairway, Ana Trevisani e Tono Mugico, e contou coas intervencións de Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña; Ángel Perez, director de zona de Correos; e Martiño Noriega, alcalde de Santiago. Todos quixeron salientar a importancia dunha cita preparada como punto de encontro transversal dos amantes e profesionais do Camiño, e o agradecemento a todos os que o fan posible. Do mesmo xeito que no Camiño reúnense xentes de distintas orixes, visións e obxectivos, os distintos actores xúntanse e colaboran para poder levar a cabo o Forum do Camiño de Santiago.

A visita institucional permitiu descubrir algún dos máis de 60 expositores presentes, que agrupan a máis de 100 marcas distintas. Ademais, durante a xornada, numerosas persoas achegáronse a gozar do programa de actividades para todos os públicos e coñecéronse os gañadores do concurso fotográfico “Os valores do Camiño”, organizado por Correos e iPeregrinos.

As xornadas de hoxe e mañá están preparadas para un perfil máis profesional. Iniciaranse as máis de 1.600 reunións previstas en formato workshop con turoperadores internacionais e as mesas de debate para profesionais. No congreso de Fairway, ás 10.00 horas chegará o coloquio “Camiño de Santiago: 30 anos do primeiro itinerario cultural”, coa presenza de Segundo L. Pérez López, deán da Catedral de Santiago; María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa; e José María Ballester Fernández, ex director de Cultura, Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa.

Ás 12.00 será a quenda da mesa A xestión pública coordinada do Camiño, é posible?”, que contará coas intervencións de Joaquín Palacín Eltoro, director xeral de Ordenación do Territorio do Goberno de Aragón; Xosé Regueira Varela, deputado de Turismo da Deputación da Coruña, e Marta Lois González, concelleira de Turismo en Santiago de Compostela.

A tarde comezará co relatorio de Alessandro Scafi “On the way of heaven” ás 16.00 horas. Scafi é doutor en Historia Medieval e do Renacemento en The Warburg Institute, da Universidade de Londres. Seguirá coa presentación ás 17.00 horas de “Camiño de Santiago e Kumano Kodo” por parte de Bradley Towle, promotion manager de Kumano Tourism Bureau, e Flavia Ramil, xerente de Incolsa, Turismo de Santiago. Ás 17.15 chegará a Fuorivia Egnatia, da man de Giulia Motta e Andrea Radouan Mounecif, presidenta e vicepresidente, respectivamente, de Fuorivia. Para rematar, ás 18.15 terá lugar a presentación de Spacio Vita: “Camina-T. Desenvolvemento humán no Camiño”, da man de Nekane Soto Guerrero, experta en adestramento de equipos e liderazgo.

Mesas de debate

Tamén pola tarde, representantes profesionais e institucionais reuniranse en dúas mesas de debate, que se centrarán na Capacidade de carga e capacidade de acollida no Camiño Francés” de 16.00 a 17.30 horas e na Planificación, coordinación e dixitalización: Camiño Inglés” de 18.00 a 19.30 horas.

Fairway, Forum do Camiño de Santiago naceu da iniciativa privada. Está promovido pola maiorista-minorista Viaxes Viloria; a axencia de marketing Mr Turismo, e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación. Conta co patrocinio principal de Correos; a colaboración institucional da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago, e máis o apoio de Paradores, Catedral de Santiago, Clúster de Turismo de Galicia e de distintas entidades patrocinadoras e colaboradoras.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)