Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O naval pide apoio ás administracións para continuar coa súa recuperación



REDACCIÓN · PUBLICADO O 28 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



Directivos de Aclunaga reuníronse onte á tarde co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, a quen lle transmitiron a necesidade de aproveitar as boas perspectivas para avanzar na formación, innovación e investimentos para posicionarse internacionalmente.


O presidente do Clúster do Naval Galego (Aclunaga), Marcos Freire, acompañado por outros responsables da entidade, abordou co conselleiro a situación actual da industria marítima galega e as perspectivas de evolución para o próximo ano, así como as liñas de actuación postas en marcha dende a súa organización e a colaboración do goberno galego nestas materias.

Como representante da cadea de valor do sector naval galego, Feire destacou a necesidade de que todos os axentes públicos e privados continúen traballando estreitamente para consolidar o camiño favorable iniciado tras superar os momentos máis duros da crise económica e do modelo de financiamento da construcción naval. Trátase, segundo explicou, de aproveitar as boas perspectivas do mercado para avanzar nos aspectos de formación, innovación e investimentos, construíndo unhas bases sólidas de futuro coas que afianzar e mellorar a posición do sector a nivel mundial no medio e longo prazo.

Neste sentido, pediulle ao conselleiro que as administracións autonómica e nacional continúen implementando desenvolvementos normativos que permitan ao naval traballar nas mesmas condicións que os seus competidores europeos directos. E, xunto a este impulso á equidade das regras de xogo, tamén incidiu na necesidade de potenciar a capacitación dos profesionais do futuro, así como a innovación tecnolóxica en procesos, materiais e equipos. Deste modo, comentoulle que a industria marítima poderá estar en condicións de seguir crecendo no mercado internacional mediante a diversificación e a alta especialización, dando resposta adhoc ás demandas máis singulares.

Internacionalización

En materia de internacionalización, os representantes de Aclunaga destacaron os froitos da axenda comercial que a entidade desenvolve no exterior co apoio da Xunta e as cámaras de comercio, en beneficio dos estaleiros e moi especialmente da industria auxiliar, que paulatinamente incrementa a súa actividade como provedor da construción naval doutros países, servíndose do seu contrastado know-how. Un comportamento que anima a intensificar as misións comerciais co imprescindible apoio das institucións públicas, e que no que vai de ano ascenderon a 11, ás que hai que sumar as oito previstas de aquí ata xuño de 2018.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)