Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Isabel Tocino, nova presidenta de Banco Pastor



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



O consello de administración de Banco Santander nomeuna tamén vicepresidenta de Santander España, nunha reunión celebrada onte en Brasil na que se acordou ademais designar a Matías Rodríguez Inciarte presidente de Santander Universidades e vicepresidente de Universia.


Na devandita sesión, o consello tomou decisións que afectan á composición do propio órgano de administración e aos fondos de comercio do grupo. A revisión destes fondos determinou un cargo por importe de 600 millóns de euros, que no terá impacto nos ratios de capital, polo que a entidade se reafirma no seu obxectivo de incrementar o dividendo por acción en 2017 e 2018, e aumentar o beneficio por título nestes exercicios.

A proposta da comisión de nomeamentos e tras obter as autorizacións regulatorias correspondentes, o consello acordou designar conselleiro independente a Ramiro Mato, que ademais formará parte da comisión executiva do consello, así como das de auditoría e de supervisión de riscos, regulación e cumprimento. O seu nomeamento será sometido a ratificación na próxima xunta de accionistas de Banco Santander.

Tanto Rodríguez Inciarte como Tocino deixan ao tempo o consello de administración de Banco Santander e asumen novas funcións: o primeiro, dependendo directamente de Ana Botín, asumirá a presidencia de Santander Universidades, reemprazando a Rodrigo Echenique Gordillo, e a vicepresidencia de Universia, e a ex ministra, unha vez obtidas as autorizacións regulatorias correspondentes, será vicepresidenta do consello de Santander España e presidenta de Banco Pastor, entidade que forma parte do grupo dende o 7 de xuño, como consecuencia da adquisición de Banco Popular. Tras estes cambios, o consello de administración de Banco Santander está integrado por 14 membros, dos que a maioría, oito, son independentes.

Tras aprobarse estes nomeamentos, a presidenta do grupo, Ana Botín, destacou a designación de Isabel Tocino como presidenta de Banco Pastor, sinalando que a súa “forza e dedicación” van ser “esenciais no conxunto de Santander España e moi especialmente na súa nova responsabilidade como presidenta do Banco Pastor, que conta cunha grande implantación en Galicia”. Pola súa banda, de Rodríguez Inciarte salientou que dentro da súa “dilatada carreira”, desenvolveu “un importante papel na historia do banco”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)