Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Enrique Orche e o Concello de Lousame, Premios Santa Bárbara 2017



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



Os galardóns, promovidos pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, entregaranse o vindeiro venres, día da patroa da minaría, nun encontro que reunirá toda a comunidade mineira galega en Santiago de Compostela.


Enrique Orche García, ex catedrático da ETS de Minas da Universidade de Vigo, e o Concello de Lousame (A Coruña), onde se sitúa o museo das minas de San Finx, mereceron os Premios Santa Bárbara 2017 nas modalidades Traxectoria e Comunicación, respectivamente. A celebración prevé a asistencia á misa na catedral, coa tradicional ofrenda ao Apóstolo. A continuación, un amplo elenco de representantes institucionais e empresariais do sector mineiro compartirán un xantar na honra de Santa Bárbara. Como cada ano, a entrega dos premios poralle o broche á xornada festiva.

Enrique Orche García é doutor enxeñeiro de Minas pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Minas de Madrid, ademais de técnico superior en Prevención de Riscos Laborais coa especialidade de Seguridade. Desenvolveu a súa vida profesional fundamentalmente en dous eidos. Nun primeiro período, de 1976 a 1993, exerceu de enxeñeiro xefe de Proxectos nos departamentos de Xeoloxía e Minaría da Empresa Nacional Adaro de Investigaciones Mineras. Posteriormente, ata a súa xubilación en 2013, estivo vinculado á universidade, primeiro á ETSI de Minas de Madrid e logo á ETSE de Minas de Vigo. Nesta última obtivo a praza de catedrático na área de Prospección e Investigación Mineira do departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente.

Divulgador incansable da minaría en xeral e da titulación de Enxeñaría de Minas en particular, Enrique Orche foi un dos artífices de que a primeira escola galega de Minas sexa unha realidade, propiciou a creación da Sociedade Mineralóxica Galega e foi un dos organizadores das primeiras edicións da feira de minerais, fósiles e xemas de Vigo. Ademais, participou en numerosos proxectos de enxeñaría e de investigación, impartiu cursos e seminarios e publicou diversos textos que foron utilizados como material didáctico en distintas universidades

Outro dos méritos para o galardón é o seu labor a prol da xeotermia, polo que foi nomeado socio de honra da Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega). Destaca tamén o compromiso do premiado na defensa do patrimonio xeolóxico e mineiro. Así, na actualidade é presidente honorífico dos comités científicos dos congresos da Sociedade Española para a Defensa do Patrimonio Xeolóxico e Mineiro, entidade da que foi socio fundador e na que ocupou os cargos de secretario xeral e de presidente.

Premio Comunicación

Pola súa banda, o Concello de Lousame recibirá este venres o premio Santa Bárbara de Comunicación polo “Proxecto de rehabilitación e posta en valor do patrimonio da Mina de San Finx”, que permitiu divulgar a importancia histórica do xacemento e achegarlle o sector mineiro á poboación durante os últimos dez anos. A iniciativa dispón dunha entrada propia na web municipal (www.concellodelousame.gal) con ampla información sobre as minas, como a súa historia, testemuños de persoas que traballaron e viviron no poboado mineiro e unha completa galería de fotos. Ademais, a través deste espazo ofértanse visitas guiadas para grupos e público en xeral que están a ter moi boa acollida.

O proxecto de rehabilitación arrincou en 2007, cando o pleno do Concello acordou aceptar a cesión feita polo propietario dos terreos e instalacións da mina de San Finx. Nunha primeira fase realizouse a mellora de accesos e a restauración e acondicionamento da antiga escola como museo e centro de interpretación. Xa en 2010, a través dun obradoiro de emprego, rehabilitáronse os edificios do taller e casa de máquinas. Realizáronse tamén labores de limpeza da contorna e recuperación doutros edificios, como o cuartel vello, convertido hoxe en cafetería e restaurante.

Na terceira fase do proxecto figura a actuación máis ambiciosa, coa adecuación dun tramo de galería subterránea para a súa apertura ao público. Esta última intervención será o cumio da iniciativa e converterá as Minas de San Finx nun referente mundial do patrimonio industrial e mineiro, de interese xeolóxico e do turismo.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)