Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Sete sectores sosteñen a especialización económica e laboral das comarcas da provincia, destaca o Observatorio Económico Ourensán



REDACCIÓN · PUBLICADO O 29 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



O presidente da Deputación de Ourense e o profesor da Universidade de Vigo-Campus de Ourense Andrés Mazaira, presentaron hoxe o informe do Observatorio Económico Ourensán referido á actividade económica por comarcas. Entre as conclusións do documento destaca que sete sectores sosteñen a especialización económica e laboral das comarcas de Ourense.


Manuel Baltar afirmou que o Observatorio “acada neste informe o máis amplo mapa de especialización económica das provincias, con datos de 13 sectores de actividade que teñen presenza nas 12 comarcas ourensás”. Así mesmo, destacou o peso de sectores como primario, público, comercio, transporte ou hostalería, e a importancia que terá, no horizonte de 2020, "a evolución do emprego tecnolóxico na provincia de Ourense". 

O informe destaca o Comercio como "motor das economías transfronteirizas", situando o núcleo da industria da Automoción en Ourense e Valdeorras, e do sector Madeira e Mobles en Terras de Celanova, Carballiño e Valdeorras. Asemade, os índices de especialización máis elevados do sector Primario están en Caldelas, Trives e A Limia, mentres que a industria extractiva ten protagonismo único en Valdeorras, onde move a cuarta parte do emprego.

Por primeira vez na análise e na interpretación estatística da provincia de Ourense, o Observatorio Económico Ourensán consegue identificar a posición e o protagonismo local que teñen trece sectores básicos da economía. Logra unha inédita desagregación comarcal que cuadruplica os niveis de estudo habituais -un máximo de tres sectores- dos traballos académicos ou de divulgación sobre a especialización sectorial dos territorios.

Conclusións

A primeira conclusión que extrae o Observatorio é que os trece sectores analizados teñen presenza en cada unha das doce comarcas ourensás, agás a industria extractiva en Terra de Caldelas e a fabricación de materiais de transporte (automoción) e grandes reparacións industriais en Terra de Trives.

Como segunda conclusión, a especialización económica e laboral da provincia de Ourense está plenamente baseada en sete sectores ou grupos de profesións, que son por orde decrecente os seguintes: o emprego público (inclúe o ensino, a sanidade, outros servizos e os postos xerados polas administracións); o comercio; a suma do transporte e da hostalería (comparten epígrafe estatístico); o sector primario; a construción; a industria extractiva; e o grupo das actividades de información, finanzas e servizos inmobiliarios e profesionais.

É dicir, entre os sectores analizados os que achegan un menor grao de especialización económica son a metalurxia e os produtos metálicos, eléctricos, electroquímicos e maquinaria; o grupo da madeira, mobles e papel; a fabricación de materiais de transporte e grandes reparacións industriais; a industria agroalimentaria; o resto da industria; e a enerxía, subministro de auga e xestión de residuos. Ningunha destas actividades figura entre as tres máis representativas de cada unha das comarcas de Ourense.

O comercio continúa a ser o primeiro motor das economías transfronteirizas, cunha excepción, a da Baixa Limia, polo desprazamento do núcleo desta actividade cara a comarca da que ten unha notable dependencia, Terras de Celanova. Deste xeito, os maiores índices de concentración do sector do comercio danse en Verín, Terras de Celanova e A Limia. Ao ver desprazado o efecto transfronteirizo das actividades comerciais, a economía da Baixa Limia atopou refuxio laboral na hostalería, na que presenta a máis forte especialización de toda a provincia, xa que desa actividade (e máis da achega do sector do transporte) dependen un de cada catro empregos nesta zona fronteiriza con Portugal. Carballiño e Allariz-Maceda completan o liderado ourensán da hostalería, nos dous casos en niveis próximos ao 20% na equivalencia sobre o emprego total.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)