Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“Taco de outono” e “Mexillón galego que se volveu nikkei” gañan o X Santiago(é)Tapas



REDACCIÓN · PUBLICADO O 30 DE NOVEMBRO DE 2017 · (0)



Elaboradas por Artesana Gastrobar e Izakaya Markesa, respectivamente, lograron impoñerse nunha convocatoria na que participaron 70 establecementos composteláns e se serviron máis de 34.000 tapas.


O Museo do Pobo Galego acolleu onte a gala de entrega de premios da décima edición de Santiago(é)Tapas, un concurso de tapas organizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela, que se celebrou entre o 2 e o 19 de novembro. Desta vez consumíronse máis de 34.000 tapas, cun crecemento de máis do 10% respecto ao ano pasado, e participaron 70 establecementos de Santiago, que ofrecían 101 tapas distintas.

Estes locais santiagueses competían por oito premios distintos, e ao final as tapas premiadas foron:

- Primeiro Premio do Público: “Taco de Outono”, de Artesana Gastrobar.

- Premio do Xurado á Mellor Tapa: “Mexillón galego que se volveu nikkei”, de Izakaya Markesa.

- Segundo Premio do Público: “Vieira en crema de coliflor con emulsión da Vera”, de Hotel Arco de Mazarelos.

- Segundo Premio do Xurado á Mellor Tapa: “Xurelo, café e ensalada de outono”, de O Ferro.

- Premio Especial X Aniversario, premio concedido polo público coas súas votacións valorando a experiencia global que tivo no establecemento: “Up”, de ACDC.

- Premio (é)tapas+, concedido por un xurado especializado ao establecemento máis activo na promoción do concurso nas redes sociais: A Nave de Vidán.

Por terceira edición consecutiva, Santiago(é)Tapas estivo organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Este ano contou por primeira vez con Mahou como patrocinador principal e co patrocinio xa tradicional de Cash Récord e Coca Cola, ademais da DO Ribeiro. Tivo tamén a colaboración institucional da Deputación da Coruña.

No acto de entrega a concelleira de Turismo, Marta Lois, destacou que esta “foi unha edición cun gran nivel de consumo, con máis de 34.000 tapas vendidas e un crecemento de máis do 10% respecto do ano pasado. E tamén foi unha edición cun gran nivel de calidade das tapas, nunha clara mostra das capacidades dos nosos cociñeiros e cociñeiras”.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, sinalou que este concurso “existe e funciona gracias ao esforzo de moitos profesionais da hostalería que dedican moitas horas a crear e servir as súas tapas. E, por suposto, aos composteláns e compostelás, turistas e visitantes, que percorren as diferentes (é)Tapas, coñecendo de primeira man, aínda que sexa en formato pequeno, todo o que a gastronomía santiaguesa e galega pode ofrecerlles”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)