Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

“En moitas ocasións, os empresarios non pensan na súa empresa ao asinar unha póliza”



REDACCIÓN · PUBLICADO O 04 DE DECEMBRO DE 2017 · (0)



Francisco Aznar Mollá defendou a importancia de implantar o Risk Management nun almorzo organizado por Fundación Inade –que acaba de estrear imaxe corporativa- en Compostela. O relator remarcou que “ante un sinistro estamos afeitos a que o Estado solucione todos os problemas, e non pode nin debe ser así”.


A cita foi o pasado xoves 30 de novembro e nela Aznar recoñeceu que “en moitas ocasións, os empresarios non se preocupan das coberturas, sen darse conta de que para axudar a solucionar todos os problemas existe a xerencia de riscos” . Durante a quenda de preguntas, o relator mostrou tamén a súa sorpresa fronte aos datos do estudo de corredores de seguros en Galicia querecolle o pouco interese destes para actuar a nivel internacional.

O Director de Fundación Inade, Adolfo Campos, aproveitou antes do relatorio para resumiu as conclusións do estudo “Radiografía dos corredores de seguros con domicilio social en Galicia” nunha xornada que contou coa colaboración da asociación ALUMNI da Cátedra Fundación Inade-UDC e da sección Galicia do IEAF (Instituto Español de Analistas Financeiros), presidida por María Emilia Vázquez, Decana da Facultade de Ciencias Económicas da USC.

Na súa intervención Francisco Aznar Mollá non deixou de facer fincapé en que “cando un empresario arrisca ten que saber que está a arriscar”. “Ademais, debemos diferenciar que, aínda que o risco pode ser compartido, só o dono do risco decide que se vai a facer. A visión que ten o dono do risco difire da que teñen outros, porque adoita estar experimentado e sabe que pode suceder”, engadiu. Tamén explicou que existen dous tipos de riscos: os obvios, que poderían definirse como consecuencias directas e que, normalmente, son asegurables; e os ocultos, que se relacionan máis coas consecuencias derivadas e que non son asegurables. Tras definir o risco como o efecto da incerteza diferenciandolo do perigo, o relator destacou que “se temos riscos negativos podemos ter sinistros”.

Francisco Aznar Mollá fixo referencia á información sobre as reclamacións que efectuaron os asegurados extraída do informe da Dirección Xeral de Seguros no ano 2013: o 57% considera que houbo unha diverxencia na aplicación da póliza contratada e o enxeñeiro asumiu que “pode estar debido a que non existe comunicación entre o corredor e o asegurado". Con todo, destacou que “unha xerencia de riscos global non é posible porque a persoa é a que forma a cultura da empresa e débense facer as cousas aos poucos”.

A xestión de riscos

Francisco Aznar Mollá coida “é un proceso sistemático que nos permite abrir os ollos ante a realidade da empresa e achega as bases para a toma de decisións”. Preguntado acerca de por que non se achega un maior cuestionario antes de facer unha póliza, o relator indicou que “é un problema económico”. “O tempo do corredor para tramitar unha póliza é reducido", pero insistiu en que se deben facer estudos de xerencia de riscos e, se se teñen que cobrar, pois se cobran.

A xornada foi clausurada por José Carlos Fernández Valcace, socio director de NB21 e membro do Círculo de Confianza de Fundación Inade, que agradeceu aos relatores os coñecementos transmitidos e que os asistentes puidesen levar un exemplar da publicación “Risk Management. How to face future business”, da que son autores Aznar Mollá e Aznar de Legarra.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)