Publicidade

Cluster


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

O 63% das cidades españolas incumpre a cota de taxis accesibles



REDACCIÓN · PUBLICADO O 07 DE DECEMBRO DE 2017 · (0)



En Galicia destaca o incumprimento en cidades como Vigo, A Coruña e Ferrol, segundo un informe da Fundación ONCE e Cermi realizado en 135 municipios de máis de 50.000 habitantes. O luns rematou o prazo que fixa o cumprimento nun 5%.


O estudo “Estado da flota de taxis accesibles en municipios de máis de 50.000 habitantes” revela que, en concreto, estas tres cidades galegas non chegan a ter un 3% de taxis adaptados con 11 vehículos tanto A Coruña como Vigo e dous Ferrol. Segundo lembra a Fundación ONCE, hai dez anos o Boletín Oficial do Estado (BOE) publicaba o Real Decreto 1544/2007 polo que se regulaban as condicións de accesibilidade e non discriminación para o acceso e utilización dos modos de transporte para persoas con discapacidade. Nel fixábase un mínimo dun 5% de taxis accesibles sobre o total da flota nun prazo de dez anos dende a entrada en vigor da devandita norma, que expirou o pasado luns.

Dos 135 municipios analizados, onde viven 1.294.400 persoas con problemas de mobilidade, tan só 50 están por riba da mencionada porcentaxe. De feito, 42 non chegan nin sequera ao 2% de taxis adaptados, entre eles Madrid e Barcelona, que necesitarían, en ambos casos, 450 licencias de taxi accesibles para cumprir a normativa. No tramo entre o 2% e o 3,4% de taxis adaptados pódese ser máis optimista, posto que 18 das 22 cidades situadas nel lograrían ter a flota en regra aumentando como máximo en catro as licencias de taxi adaptado. No grupo dos que teñen entre o 3,5% e o 4,9% xa estarían un total de 21 municipios. No lado máis positivo atópanse 14 cidades que contan cunha flota adaptada por riba do 10%. Entre elas destaca Chiclana da Fronteira, exemplo de inclusión ao ofrecer un 18,9% de taxis adaptados sobre a flota total.

O informe tamén realiza unha comparativa respecto a un estudo previo de 2014 e revela unha mellora. Nestes tres anos aumentou un 9,6% o número de municipios que cumpren coa normativa, o que supón que hai 13 municipios máis que cumpren coa cota establecida polo Real Decreto. Por comunidades autónomas, Andalucía, Canarias e Castela-A Mancha melloran notablemente respecto a 2014 e sitúanse por riba do 5%. No sentido contrario atopámonos á Comunidade Valenciana, que se queda a unha décima de acadar o 5% que si superaba en 2014. Hai nove comunidades autónomas nas que, de media, a súa flota de taxis adaptados supera o mencionado limiar, que son Andalucía, Aragón, Ilas Baleares, Canarias, Castela-A Mancha, Estremadura, Murcia, Navarra e A Rioxa, ademais da cidade autónoma de Melilla.

Medidas de fomento

Por outra banda, o estudo analizou as distintas medidas postas en marcha polas administracións públicas para fomentar o transporte accesible. Neste sentido destaca a combinación de actuacións como a concesión de subvencións para a adquisición e adaptación de vehículos, ademais da creación de novas licencias con obrigatoriedade de ser accesibles. O informe tamén sinala como outra forma de fomentar o Eurotaxi o aumento do número de prazas das licencias accesibles. Desta forma, ademais de axudar ao desprazamento das persoas con discapacidade se favorece ás familias ou grupos de cinco ou máis compoñentes que terían que utilizar dous vehículos convencionais.

Como boas prácticas observadas figura o Plan Madrid Taxi Accesible, no que se detallan as medidas para incentivar o taxi adaptado, ademais de realizar un estudo do número das persoas con mobilidade reducida e as licencias de Eurotaxis existentes. Da mesma forma, sublíñase o servizo público de transporte especial para persoas con mobilidade reducida severa de Barcelona, que subvenciona o transporte en taxi tendo un custo para o usuario dun billete sinxelo da área metropolitana.

En relación co sector do taxi e debido ao aumento das licencias VTC pola existencia de empresas como Cabify e Uber, no informe pídese que se teña en conta a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade na elección deste tipo de servizos e que na regulación destas autorizacións se garanta a existencia dunha porcentaxe de vehículos adaptados.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)