Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Os sectores téxtil, agroalimentario e tecnolóxico protagonizan o I Congreso de AJE Ourense



REDACCIÓN · PUBLICADO O 10 DE XANEIRO DE 2018 · (0)



Allariz acollerá o 2 de febreiro este encontro dos mozos empresarios ourensáns, no que participarán importantes firmas galegas e de fóra da comunidade autónoma para dar a coñecer as súas experiencias de éxito.


A provincia de Ourense ten sectores estratéxicos con potencial e futuro, e o obxectivo deste congreso non é outro que dalos a coñecer, e difundir a cultura empresarial que hai ao redor deles, ademais de demostrar, como di o lema dos novos empresarios, que en Ourense hai futuro. Fomentar o intercambio de experiencias e coñecer modelos empresariais son tamén finalidades desta cita, un punto de encontro que favoreza as sinerxías do tecido produtivo destes sectores. Este congreso organizado polos empresarios de AJE Ourense celebrarase o próximo 2 de febreiro no hotel Oca Vila de Allariz desde as nove e media da mañá e nel terán cabida mesas de debate de tres sectores: téxtil, agroalimentario e tecnolóxico.

Tal e como relatou o presidente de AJE Ourense, Lois Babarro, na presentación desta mañá, a mesa téxtil será conducida por Jorge Vázquez, membro da asociación e nela están confirmados dous representantes de firmas recoñecidas como Adriana Domínguez, de Adolfo Domínguez, e Clemente Cebrián, de El Ganso.

Outro sector de trascendencia na provincia é o agroalimentario, sobre o que os empresarios de AJE Ourense queren facer un chamamento social da súa importancia para acadar o apoio de todos. Esta mesa estará presentada por un restaurador moi vinculado a Allariz como é André Arzúa, e estará nutrida das experiencias de outros representantes deste eido como Pepe Vieira, coñecido restaurador; María Franqueira, do Grupo Coren, e Ignacio Rivera, de Hijos de Rivera.

Empresas como Egatel, Indra, Bq ou Everis darán contido á terceira mesa do congreso de temática tecnolóxica. Javier Taibo, representante de Egatel, firma cualificada como a máis innovadora de Galicia, fará de moderador das intervencións dos relatores Jesús Lage (Everis), Iván Castro (Bq) e José Luis Albo (Indra).

Unha provincia empresarial

Lois Babarro destacou que este congreso está “orientado a que persoas con gran percorrido empresarial nos seus ámbitos poidan ensinar e dar consello, e que os novos empresarios poidan aprender deles”. Así mesmo, quixo desterrar mitos de que en Ourense non hai bos exemplos pois “na provincia faise tecnoloxía que se exporta, o sector primario é espectacular e o téxtil está presente nos cinco continentes”. Babarro alentou a que os novos asuman retos empresariais da man de exemplos de segundas e terceiras xeracións de empresas que internacionalizan, innovan, crecen e fan crecer. Para rematar, lembrou que as entradas ao congreso están dispoñibles na web do colectivo www.ajeourense.com

Pola súa parte Francisco García, alcalde da vila alaricana, da que o Concello colabora na organización do congreso, amosou a satisfacción de que a asociación escollera Allariz para celebrar este evento e agradeceu a aposta feita pola vila. Recordou que Allariz non é alleo ao ámbito empresarial e, froito dunha aposta pola diversificación, é como “ten conseguido abrir unha dinamización económica e incrementar poboación a través de recursos, apostas singulares e o apoio ao desenvolvemento endóxeno”. García aproveitou para ofrecer “a vila de Allariz como marco para plasmar iniciativas que os emprendedores queiran desenvolver”.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)