Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Tecnoloxía para a inclusión



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE XANEIRO DE 2018 · (0)



A CEOE anima ás empresas a aproveitar os beneficios da dixitalización para mellorar a inclusión laboral de persoas con discapacidade e as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías para eliminar as barreiras de accesibilidade ás que aínda se enfronta este colectivo.


O presidente da Comisión da Sociedade Dixital da CEOE, Julio Linares, amosouse onte a favor de “sensibilizar” ás empresas para aproveitar as novas para mellorar a inclusión laboral das persoas con discapacidade durante a súa intervención no Almorzo Por Talento “Presentación do Plan Dixital 2020 CEOE”, organizado por Inserta Empleo, a entidade da Fundación ONCE para a inclusión laboral e formación de persoas con discapacidade. O encontro contou tamén coa participación do vicepresidente executivo de Fundación ONCE, Alberto Durán; a directora xeral e secretaria xeral de Inserta Empleo, Virginia Carcedo, e o director xeral de Servimedia, José Manuel González Huesa, encargado de moderar a presentación.

Linares sinalou que un dos capítulos do Plan Dixital 2020 de CEOE está adicado a eliminar todo tipo de brechas dixitais, especialmente as que teñen que ver coas persoas con discapacidade. “Cando nos enfrontamos ás novas tecnoloxías, temos todos a obriga de tratar de sacar todo o beneficio delas para este colectivo”, indicou. “As tecnoloxías dixitais achegan moitísimas oportunidades para vencer algunha das barreiras que existían neste colectivo, pero tamén é certo que a aparición dunha nova tecnoloxía pode traer con ela algún tipo de nova barreira”, engadiu. Por este motivo, insistiu na importancia de “ser moi sensibles para eliminar o antes posible esa barreira, facer un esforzo y ser responsables para concienciar e sensibilizar a todo o mundo de que a accesibilidade é un tema prioritario”.

Neste contexto, dende a patronal española propoñen para a inclusión dixital facer un observatorio da brecha dixital no que se poidan identificar todo tipo de fendas, medilas e poñer obxectivos para a súa eliminación ou corrección, ademais de elaborar un catálogo de cursos de formación para tratar de axudar aos colectivos máis vulnerables e conseguir o cumprimento da normativa de accesibilidade, especialmente nas novas tecnoloxías.

Nova revolución

“Estamos nunha nova revolución. A humanidade pasou por dúas grandes revolucións: a agrícola e a industrial, e agora vivimos outro momento histórico”, dixo Linares, para quen as novas tecnoloxías dixitais “se poden utilizar en calquera lugar e van ter o mesmo impacto que tivo no seu día a máquina de vapor ou a electricidade”. “A dixitalización aféctanos a todos, tanto de forma individual como colectiva. Seremos dixitais ou non seremos”, asegurou.

Segundo Linares, o Plan Dixital 2020 “busca influír de maneira interna en CEOE para concienciar a todos os seus membros, sociedades e compañías de que é imprescindible abordar a dixitalización, e de maneira externa para influír no Goberno, partidos políticos, sindicatos, etc, “porque a dixitalización non está tendo a atención e a prioridade que merece na axenda política”.

Na súa opinión, é responsabilidade da sociedade civil poñer de manifesto a importancia da dixitalización. Ao seu xuízo, esta ten un impacto directo “en todo”, sobre a competitividade, o coñecemento, a calidade do emprego, a capacidade de soster os servizos sociais ou a existencia de desigualdades ou igualdades. “Por iso hai que darlle a atención que merece”, concluiu.

Reducir brechas sociais

Nesta liña, Alberto Durán sinalou que as novas tecnoloxías e a revolución dixital “poden servir para crear emprego, reducir as brechas sociais e mellorar a calidade de vida, sempre que se faga con cabeza e cuns obxectivos claros”. Durante a súa intervención, afirmou que a incorporación das persoas con discapacidade ao mercado de traballo “está facendo que nos deamos conta de que hai cousas que arranxar”. “Este colectivo ten unha dificultade engadida e é que existen aínda barreiras para acceder á información. Por eles temos que ser especialmente activos para tratar de solucionalo”, comentou.

Neste sentido, asegurou que “o mercado laboral vai cambiar”, ao tempo que explicou que, “nuns anos, 700 profesións non existirán e o 47% dos empregos se ocupará por robots”. “Isto representa unha oportunidade, pero hai que investir e aproveitar o talento que a poboación ten, pensando en todos, un todos que cada vez está máis cheo de diversidade e de persoas diferentes”, dixo.

Pola súa banda, Virginia Carcedo indicou que “as empresas son un aliado estratéxico necesario, xa que as persoas con discapacidade buscan emprego e necesitan unha empregadora para que as contrate”. As novas tecnoloxías son unha vía para o acceso das persoas con discapacidade a unha formación de calidade menos custosa e unha forma de xerar mobilidade e un acceso máis global ao mundo en xeral”, destacou.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)