Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Cultura e empresa danse a man en Santiago



REDACCIÓN · PUBLICADO O 05 DE FEBREIRO DE 2018 · (0)



A Área Empresarial do Tambre inaugura ás 20.30 horas desta tarde a exposición “Persistencia da materia” do artista Guillermo Pedrosa, que asistirá a inauguración.

Guillermo Pedrosa (Vilagarcía de Arousa, 1958) é un artista autodidacta que comeza a pintar aos 14 anos, e aos 17 realiza a súa primeira exposición individual. Parte nun principio da figuración, representando os fríos e húmidos muros das casas rurais nos invernos galegos. As manchas que aparecen nestes muros fóronlle suxerindo múltiples ideas que aos poucos foi desenvolvendo, meténdose máis e máis nunha investigación tenaz, tanto cromática como de fondos e formas que máis tarde o levaría ata á abstracción, que é hoxe en día a súa liña actual de traballo. As súas obras poden atoparse en museos e fundacións de ámbito galego, aínda que tamén se pode ver o seu traballo noutras cidades de España, e en Cuba, Arxentina, Suíza e Portugal.

Manuel Nieto, comisario da exposición e membro da xunta directiva da Área Empresarial do Tambre, explica que as obras de gran calado de Pedrosa parecen monumentos, son como elementos aos que fixa os seus soños, monumentos do sempre anhelado: a paz, o coñecemento, o respecto, o audaz, o fino e belo, o fiel e sempre duradeiro, ou o intanxible pero case coñecido e, sobre todo, sentido polo artista. “Esas formas cheas de vida e de alma propia parecen posuír o segredo do eterno, esta propiedade tan idealizada que todo soñador garda no cofre dos desexos, e que vai usando a conta pingas, amodo, con mimo e a pequenas doses, cada obra por se mesma atesoura a súa propia mensaxe, esa eterna dúbida entre o divino e o humano, entre a forza do material e a sensibilidade da forma e a cor, ese gran equilibrio tan escaso e que Guillermo parece dominar ao seu antollo”, comenta.

A multitude de ideas das que o artista fai gala están interpretadas coa solidez dos elementos que utiliza. Son obras esculturales, rotundas, fortes, redondas e sorprendentes, pero tamén obras meditadas, construídas solidamente, onde a forma e a cor dan paso a unha composición harmoniosa e elegante, obras potentes, cheas de incógnitas, de formulacións atrevidas e resoltas con enorme valentía, onde a sensibilidade do autor desvélase lentamente grazas a unha prolongada visión.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)