Publicidade

Ourense Termal


Atrás · Actualidade · A guía de ECO · Subscrición · Contacto

Denuncian a imposición de determinados medios de pago en espectáculos públicos



REDACCIÓN · PUBLICADO O 12 DE FEBREIRO DE 2018 · (0)



Logo das queixas de distintos asociados, a Unión de Consumidores de Galicia (Ucgal) constatou a proliferación de prácticas que obrigan ás persoas asistentes a trocar diñeiro de curso legal por “fichas” para poder consumir, polo xeral, bebidas alcohólicas.


Ucgal tivo coñecemento de que este proceso de troco de cartos por “fichas” impide que a persoa asistente recupere o importe equivalente se ten “fichas” sobrantes polo que, no caso de non chegar a utilizalas, perdería os cartos xa que non son reembolsables. Segundo esta organización, estas condutas vulneran os dereitos que a lexislación vixente recoñece ás persoas consumidoras e máis concretamente os seus lexítimos intereses económicos, xa que por unha banda impide a utilización do diñeiro de curso legal como medio de pago e, por outra, impide a recuperación do exceso non consumido. Así mesmo, considera que ambas condutas poden ser cualificadas de prácticas abusivas a tenor do establecido na normativa básica de protección das persoas consumidoras e usuarias polo enorme desequilibrio que xera entre as partes da relación.

A práctica descrita ten unha enorme transcendencia visto que se consolida e prolifera no eido dos espectáculos públicos dentro e fóra de Galicia. Ademais, o inxente número de asistentes a estes eventos (o ano pasado tres festivais musicais celebrados en Galicia congregaron a preto de 125.000 persoas) converte esta práctica nun problema de enorme magnitude que as autoridades de consumo non poden ignorar.

Outro aspecto preocupante que Ucgal trasladará ás entidades con competencias en sanidade ten que ver co consumo de alcohol. A xuízo desta asociación a imposibilidade de recuperar o diñeiro das “fichas” non utilizadas coloca ao consumidor ante a disxuntiva de perder diñeiro ou consumilo. Este problema cobra especial significado cando o medio de pago só permite adquirir bebidas alcohólicas, promovendo así unha conduta que incita ó seu consumo.

Menores

Especialmente preocupante resulta este problema cando ós feitos descritos sumamos a hipotética situación derivada da falta de control exhaustivo no acceso a bebidas alcohólicas por parte de menores. Unha situación que ben puidese darse ao tempo de finalización destes espectáculos, momentos nos que as medidas de control e vixilancia poden diminuír.

Á vista destes feitos, Ucgal solicita tanto ao Instituto Galego de Consumo (IGC) como ás autoridades con competencias en Sanidade de Galicia que dean traslado aos seus homólogos nas diferentes autonomías ao entender que estas prácticas non son exclusivas desta comunidade autónoma e que se reproducen a nivel estatal.



Comentar noticia








Enviar

Comentarios (0)